Opinión

Pendular, xa o dixo Toynbee

Chegadas certas idades comeza un a dubidar de todo de xeito que se acaba por estandarizar ata as opinións e con elas as ideas máis inesperadas. Faise de xeito que calquera diría que a razón, acaso tamén a intelixencia e unha cadea cualificacións referidas ó difícil arte de pensar se catalogan de tal xeito que todo pode resultar sabido e comprendido de antemán. Trátase dun proceder que moito recorda á historia daquel inspector médico que, visitando o que antes de chamaba un manicomio, contempla ós nel internados sentados no chan dun amplo patio. De vez en cando, un dos tolos, ponse en pé e di un número; o 37 por exemplo. Tódolos demais rinse e desfrutan mentres o breve narrador se senta de novo e outro, animado polo éxito do seu antecesor no uso da palabra, procede de igual xeito: o 97! Berra entusiasmado e sentase acto seguido pois resulta que é tímido e vergonzoso. Así, un tras doutro, vanse erguendo os presos, berran ou bisbellan un número, algúns agradecen os aplausos cunha media reverencia.

O inspector contempla a escena intrigado ata que acaba por lle preguntar ó seu acompañante que é o que están facendo aquela panda de trastornados. Respóndelle que o que fan é contar chistes. Como? pregunta aínda máis intrigado que antes. Pois si, resulta que sempre contan os mesmos de xeito que acordaron numeralos e abonda con recordalos. Decidido o inspector sentase no chan e agarda ata que decide erguerse e berrar: 103! Pero non se celebra en absoluto. Entón pregúntalle ó interno que ten á súa dereita a razón de que ninguén lle celebrara a gracia. Que sucede, porque non riron? É que non existe o 103 na numeración? O tolo o mira de arriba abaixo e respóndelle que non que non, que non se trata diso. Daquela porque non se rin co meu chiste? Teima o inspector. Home, respóndelle o tolo, é que hai que dicilo con gracia.

Sobre todo a certas idades comeza a suceder que, ós vellos, xa nos chega con ler os titulares dos xornais para saber de que vai o texto. As afirmacións dos entrevistados responden o mesmo que responderon, hai anos, todos os que foron interrogados a cerca desta ou daquela cuestión. Toynbee, Arnold Toynbee, afirmaba que a Historia é pendular, para min que algunha razón non lle faltaba. Cada xeración repite os erros das anteriores de modo cíclico e irremediable. Quizás sexa por iso que a lectura das opinións dalgúns columnistas e de non poucos tertulianos e entrevistados están nun tris de que comecemos a numeralas sabendo que, en non poucas oportunidades, aplaudir non aplaudiremos pero, rinchar os dentes, sí que os rincharemos. Tan predicibles se nos ofrecen, tan repetidas foron en tempos pasados que empezamos a contemplar nestes nosos días de hoxe, a posibilidades de volver ás xa andadas. Oscar Wilde deixou escritas algunhas máximas para instrución dos eruditos á violeta. Unha delas é a de que a opinión pública existe só onde non hai ideas. Tertulianos, entrevistados e máis dun feixe de columnista compoñen hoxe a opinión publica acorde cos distintos pensamentos partidarios.

Te puede interesar