Opinión

Pepiño Grilo, unha profesión de risco

Opinión

Pepiño Grilo, unha profesión de risco

A xente, esa xente que se diría descoidada, á que lle sobra o tempo en medida tal que ata as súas propias obrigas adoitan deixalas de man, ben por incapacidade, ben por nugalla ou simplemente porque facelo así é debido á condición do animal, esa xente, disfruta sempre de tempo abondo pra determinar que persoa, fato de persoas, institucións ou realidades colectivas descoidan as súas. Entón optan por denuncialo pública e amplamente facendo uso de todos os altoparlantes postos ó seu acado.

Hai xa días que o esposo da ministra de Igualdade, ó tempo que segundo vicepresidente do goberno central, dando mostras inequívocas de que tanto a un como ó outro lles debe sobrar o tempo, buscou en que enredar. Fíxoo e fano soltando orixinais criterios, estrondosas consideracións, cando non encol do sexo dos anxos si a cerca da cualidade democrática das nosas institucións. Foi asaí, seguindo o camiño que se sinala, como o señor vicepresidente segundo denunciou publicamente que non vivimos nunha democracia. Será que ambos teñen algo descoidadas as súas propias obrigacións e sobrándolles o tempo, non tendo en que enredar, optan por facer bo o vello criterio de que a cabra co vicio da cos cornos en salva sexa a parte e convida de paso ó resto do rabaño a que faga o mesmo.

Hai xa días que se nos fixo saber que a primeira vicepresidente do goberno central, manifestara a súa inquietude polo feito de que se prevea e acabe por se promulgar unha lei que permita que, en tempos temperáns, cando a indeterminación sexual e obxecto de reflexión e consideración constantes, un ou unha adolescente poidan optar por un cambio de xénero que, coma unha tatuaxe, pode marcalos pró resto das súas vidas. O irreversible adoita non ser aconsellable.

Que se saiba ningún deste dinámico dúo de pensantes pensou nin sequera en considerar á súa renuncia ás responsabilidades que teñen, non se sabe si tan acaparadas coma encomendadas, nin tampouco non se ten noticia de si o partido maioritario no oficio de gobernar está disposto a dar, dunha vez, a necesaria puñada enriba do taboleiro da mesa de xuntas do goberno central a fin de rematar co triste espectáculo que se lle está a ofrecer á cidadanía; como se esta non tivera xa abondo coa pandemia, cos seus efectos e limitacións, tamén coas incongruencias que en tantas ocasións a condicionan e de paso o fan co conxunto da nosa sociedade.

A profesión de Pepiño Grilo é certamente arriscada. Andar a sinalar as deficiencias alleas é un exercicio que pode resultar grato a quen o práctica ó tempo que pode servir pra que a un lle refresquen a memoria. O cidadán de a pé, ou sexa, vostede e máis eu, meu paciente lector, pode entender que o actual partido-gobernante-en-maioría recorra de xeito sistemático ó asunto da trama Gurtel ou ós escritos de Bárcenas, do mesmo xeito que é comprensible que o de-momento-maior-partido-da-oposición axite, tamén de modo recorrente, os fantasmas dos ERE andaluces ou recorra ó da financiación de Filesa. Ambos o que exhiben, non é pouca a xente que así o entende, é unha lamentable falta de imaxinación e de proxectos políticos entregándose por enteiro á simple loita por se manter ou por acadar o goce do poder. Do mesmo xeito que iso é evidente, cabe preguntase pola resolución daquela denuncia presentada por Fernando Barredo de Valenzuela, denuncia que se antolla como certa, denuncia que non foi desmentida e resolución que non se producíu aínda que se saiba.

 En marzo do 2018 o profesor toledano, nun congreso do seu partido, denunciou que máis de oitenta mil expedientes de reclamacións presentadas polos militantes, eles din inscritos, non estaban resoltos polo comité de garantías presidido por Pablo Echenique, actual portavoz do seu grupo parlamentario no Congreso dos Deputados. Barredo denunciou agora que as resolucións de tal comité son secretas, un luxo que non lles está permitido nin ós maxistrados do Tribunal Supremo. e que, efectivamente, non é moi democrático.

É de sospeitar que nos mil días transcorridos dende entón e aínda que se considere posible que, traballando a eito, se puidesen resolver oitenta casos diarios, sen ter descansado un só día, os máis dos oitenta mil casos, sigan sen resolver. Tal sospeita permite considerar que no seo central dese partido anden sobrados de tempo pra ver pallas nos ollos democráticos do conxunto da cidadanía e permanecer cegos chegada a hora de contemplar as tan sonadas trabes coas que cubrir a casa común por eles habitada. Fernando Barredo denunciou tamén, fíxoo no seu momento, o incumprimento de regulamento interno promulgado pró Congreso de Vistalegre II. Hai un mes reiterouno, de cara ó Congreso de Vistalegre III a celebrar proximamente, poñendo en dúbida o proceder democrático no seu do seu partido político. Resulta curioso constatar que se acuse de falta de democracia á derivada da Constitución do 78 mentres circunstancias como as que se recordan perviven no seo da organización presidida tan significados políticos como os que nesta crónica se citan.

É triste. Pero éo aínda moito máis se consideramos a expectación e as esperanzas suscitadas naquel xa lonxano 15 de marzo que tantos miles de persoas sentiron. Contemplar como ese tamén resultou ser un castelo de naipes, malia que agora se intente disimulalo recorrendo ó “pois ti máis”, algo no que en última instancia se converte a afirmación do señor Iglesias Turrión.

Te puede interesar