Opinión

Os pobos fanos os empresarios e a xente do común


Na páxina 109 do libro do que falamos eiquí hai xa uns días, o titulado “El conocimiento inútil”, que eu vou lendo pouco a pouco e repousadamente, recórdanos Jean-Fraçois Revel, o seu autor, que na grande peste que asolou Europa no século XIV, os médicos de tódolos países discutían entre eles se a praga se transmitía polos miasmas do aire ou polo tacto.

Non creo que quedase resolto o tal dilema. Dise que aínda no século XIX os cidadáns pontevedreses, os devanceiros dos que chegado o XX, acordarían a instalación dunha fábrica de celulosas e máis doutra de cloro, entre Marín e Pontevedra, decidiron pola súa conta que a existencia dun lazareto na illa de Tambo constituía un perigo evidente. As miasmas, as malditas miasmas, poderían chegar ata a cidade según ventase do sur, e que habería que impedilo como fose. Non que non ventase do sur, senón que non houbese miasmas voadores circulando cara a capital. E así o fixeron. 

Os barcos arribaron dende entón á ría de Vigo, os doentes pasaron as corentenas na illa de San Simón e Vigo comezou a ser a cidade que hoxe é mentres que o entronque de Marín e Pontevedra marchaba como a troita aquela que o fixo polo río abaixo, de pé, corre que te corre quen a puidera coller, anque fose cantando baixiño.

Cando esa peste do século XIV fixo o que fixo e ninguén se puña de acordo nas causas provocadoras do desastre, se eran debidas ós miasmas ou dependían do tacto, é dicir, do contacto duns cidadáns con outros, El-Rei de Francia chamou a consulta ós máis grandes eruditos da Sorbona pra que lle axudasen a que, coñecidos os efectos e advertidas as causas, puidese ditar medidas encamiñadas a mitigar os desastres que estaba causando a peste.

Reunidos os eruditos, logo de meditar ampla e concienzudamente, os máis esgrevios representantes da elite intelectual gavacha, ditaron o seu veredicto: o mal non procedía nin dos miasmas nin de contacto ningún entre uns e outros senón dunha determinada conxunción astrolóxica dos planetas!

É de temer que de entón a hoxe non sei se mellorariamos moito. As conxuncións planetarias seguen a determinar non poucas das nosas vidas, en non poucas oportunidades, ou, cando menos, as das mentes pensantes dos nosos máis conspicuos dirixentes optan por aí pensar. 

Non sei si se levara producido algunha conxunción planetaria máis, ou non, pero eu aínda recordo a anunciada pola ex ministra Leire Pajín cando predecíu a que se ía celebrar por conta do presidente Obama e o noso presidente Zapatero, grazas precisamente a unha estraña conxunción planetaria que non recordo que a señora ministra se atrevese a revelar, pero que, sen dúbida, tivo que se producir naqueles anos. Recoñezo que non sei en que puido consistir, pero prefiro ignorar se este afán que nos atravesa o ánimo -o manifestado a favor de que o estudo das Humanidades desapareza dos plans de estudos terá algo que ver senón con aquilo si con algunha das súas consecuencias.

Escribín o anterior aínda ignoro levado de que afán. Cando me permito estas licencias, que adoito atribuír a un meu exacerbado ánimo, acórdome, acaso más do debido, do capítulo titulado “como a mediados do século XVIII, os homes de letras se converteron nos principais políticos do país e os efectos que delo se derivaron”. Incluíno Tocqueville no seu libro “O Antigo Réxime e a Revolución”, lino no seu momento e deixoume un pouso que confeso. “Os homes de letras, a mesma condición de tal, están predispostos a se deleitar coas teorías xerais e abstractas en materia de goberno e a confiar cegamente nelas”. A mera condición de tal imbúeos de tal maneira e a efectos tales que só eles se consideran responsables de levar as sociedades a bo término. 

Sempre disentín de que fosen os poetas os que dirixisen as revolucións, os que construísen os pobos e así o expresei sempre con gran desgusto de vates menesterosos e outros axentes asociados. Os pobos fanos os empresarios e a xente do común, a xente laboriosa e creadora de riqueza e benestar. Nunca quixen pra min esa mínima parte alicuota da responsabilidade que me puidese corresponder no empeño, no empeño de dirixir nin de encamiñar nada. 

Nin sequera cando fun profesor tentei ter alumnos predilectos, seguidores puntuais do meu pensamento se é quen algún puidera terlles aportado. Pero si fun político, delo hai xa máis de trinta anos, e aínda que penso que xa teño debidamente feita ata a máis longa convalecencia, non deixan de me producir reparo as reflexións ou os recordos que atinxen a xentes como a citada máis enriba. Lease Leire Pajín ou mesmo Bibiana Aido, por non citar ningunha outra do espectro político distinto do que elas exhiben.

Sen embargo non son quen de me reprimir unha vez vista e revista a sociedade que me envolve e determina. Estes días, contemplando o mundo que nos rodea unha me vai e outra me ven: Deberei dicir o que penso? Serviralle de algo a alguén ou só contribuirei ó desamparo? Os planetas seguen por aí enriba, ou por aí embaixo, según vostedes consideren e nós seguimos a pe de terra, axexando como e por onde veñen por ver se somos quen de velas vir, deixalas pasar ou paralas a tempo.

Serei tan ousado de engadir confusión á confusión? Recordanos Rével que Bertrand Russell foi un eminente filósofo chegada a hora de falar da lóxica simbólica “pero non deixa de ser un imbécil” cando di que a Gran Bretaña debería desarmarse y, si os soldados nazis a invadisen, acollelos amistosamente como se fosen turistas pois así perderían a súa rixidez e poderían atopar sedutor o noso modelo de vida”. A mais da repugnancia que produce o que está a suceder con Ucraína ou mesmo cos saharauis que máis será necesario manifestar?

Te puede interesar