Opinión

O porque da desfeita socialista en Galicia

Un libro meu anda a circular polos andeis das librería. Titúlase, “A conto do político”. Nel pode atopar o lector atento, e aínda tamén aquel que o sexa en menor medida, algunhas das razóns, algúns dos efectos que son causa dos probes resultados obtidos polo partido socialista nas eleccións de hai semana e pico. Permítome recordalo por si algún lector curioso, que o son os máis deles, quere comprobalo. A min non me viría mal, coido que a el tampouco.

Cando o PSdeG-PSOE desfrutou do maior número de deputados obtido en calquera das convocatorias electorais celebradas, dende que Galicia conta cun Parlamento propio? Pois nas primeiras e segundas eleccións, ofrecendo, nada curiosamente, o liderado de Fernando Gonzalez Laxe, segundo presidente de Galicia, como consecuencia dunha moción de censura, e membro que fora do PSG, do Partido Socialista Galego.

Algo debo saber eu disto cando fun un dos catro galeguistas independentes que aceptaron ir nas listas do PSdeG-PSOE, unha presenza que alarmou a moita xente, nun sentido e noutro; a uns porque a consideraron unha traizón ó país, a outros porque non eramos afiliados ó seu partido e estabamos ocupando uns escanos que consideraban deberían ocupar eles. Pero o invento funcionou. Os socialistas foron máis galeguistas do que nunca volverían ser. Tanto o foron que alarmou máis do debido á cúpula madrileña. Nese libro cóntanse as actitudes dos dirixentes do PSOE e a obsecuencia demostrada, unha e outra e outra vez máis, polos acólitos no país.

Esa obsecuencia, máis que constatable e aínda sen analizar debidamente, percibida que ven sendo polo electorado fai (en oposición ós anos liderados por Laxe) considerar ós socialistas como un apéndice madrileño de maneira que, ou cambia agora levado da man de Besteiro dunha vez por todas ou, no futuro, contemplaremos a sistemática degradación dun partido que é necesario e útil: os anos de goberno de Laxe, presidindo un goberno tripartito que funcionou sen fisuras, ilustran debidamente esta afirmación que aí lles queda feita.

E mentres que partidos medran ou se manteñen? Pois dende o BNG, cada vez máis aceptado polo electorado e camiño de continuar séndoo, ata o PPdeG no que o compromiso co país é moito máis evidente, se queren dicilo así, polo populismo que os rexe. E cales son os que non acadan a mínima representación parlamentaria? Pois sonlles os que, dende un extremo zurdo a outro extremo destro, asoman por eiquí nos períodos electorais malia, nalgún caso, no liderado dun deles e, noutro, da evocación a “abueliña” recorrente. E así andamos, mal pero andamos. Por iso non é desexable que a presidencia do Goberno central cambie. Xa pasou antes. A primeira lexislatura de Fraga, importante, moi importante dende o punto de vista que nos move a moitos, acabouse no momento no que Aznar sucedeu a González. E xa vai sendo moito horas de que Galicia conte na medida xusta e necesaria.

Te puede interesar