Opinión

A posición dos exipcios

Había, naqueles finais dos anos sesenta do século pasado, un cantautor portugués, Luis Cilia chamado, que cantaba que “é (era) sempre a mesma melodía, o Salazar e a súa democracía”. Hoxe, de seguir cantando, pois total só é un ano máis vello ca min, nacido que foi en Nova Lisboa, alá na lonxana Angola, podería facelo referíndose non á democracía lusa senón á unha realidade máis nosa, por exemplo, remedando dun xeito, o seguinte, que non é certamente moi orixinal, pero si igual de certo que “é sempre a mesma melodía, a Constitución e a súa partitocracía”. Advirto que ó til vai no “i” polo da rima e por algo do respecto que sempre debemos ter os que mantemos un idioma coma o noso tan próximo ó del.

 O caso é que acabamos de ver o resultado das eleccións no país irmán e como se nota a diferencia existente entra a ditadura dun profesor universitario e a dun xeneral africanista. Queda a elección do lector a busca das diferenzas, logo de ter sopesadas as reaccións deles e as que tanto prodigamos por aquí, un espectáculo que a min ofrecéseme cheo de algo moi próximo ó bochorno… por dicilo dalgunha maneira.

Realmente é un bochorno o feito de ter que contemplar esta lideira constante de ver quen ten ó brazo máis longo, por non dicir outra cousa, xa que ó final do brazo vai a man e, uns e outros, millor dito, xentes dun e doutro dos dous equipos maioritarios, manteñen a desvergonzada posición dos exipcios de tempos dos faraóns; xa saben, a man aberta cara enriba ó final do brazo revirado cara o lombo. 

A quen pensarán os nosos líderes políticos que pode beneficiar esta constante acusación de corruptos a militantes dun lado e doutro? A quen poderá servir de proveito se neste país practicamente ninguén sabe os nomes dos tres primeiros deputados da lista que votou nas pasadas eleccións. 

Este descoñecemento ten que ser necesariamente corrosivo se, aínda por riba, só se mitiga de se ir sabendo os nomes dos militantes corrompidos, según van aparecendo nos xornais; nos xornais dun signo, ou nos xornais do signo contrario. Unhas cantas doses máis deste xarabe e o campo electoral acabara sementado, millor será non pensar de que especie de cogomelos, pero sementado para dar froitos cada vez menos democráticos e cada vez máis amargos e tóxicos.

É necesario, é imprescindible que haxa dunha vez homes de estado que sexan quen de superar esta entolecida rutina na que vimos caendo, dende xa hai tempo máis que abondo, se non queremos que comecen aboiar os Milei e os Bolsonaros, os políticos espectáculo, predicadores de verdades intanxibles , directores de coros cantores de salmos e himnos que axiten os sentimentos en vez de inducir as reflexións e a busca de solucións que deben provir de todos eles, dos de esquerdas e dos de dereitas, nunha medida que supere a desta continuada e mutua acusación de corruptos tan descorazonadora de calquera alento democrático.

Te puede interesar