Opinión

É precisa unha voz única cando se precisa

Hai anos, moitos, quixeron botarme da asociación de xornalistas dunha capital galega a causa dun duro artigo que fora publicado no diario local e quero crer que tamén que levados dun mal entendido corporativismo. Non puideron. Non figuraba no seu censo de afiliados. Entón dixéronme que querían asociarme ó deles os doutra capital galega pero debeu haber opinións en contra porque a iniciativa non callou; uns dicían que si, que eu era un xornalista e outros que non que non o era. Sigo sin selo. Non pertenzo a ningunha asociación, non teño un carné que permita escribir de min o que Carbalho Calero escribiu de Álvaro Cunqueiro; "É xornalista, mesmo ten un carné que o acredita como tal". O ton irónico do aserto póñano vostedes.

Non teño carné. Levo escribindo nos xornais dende os 16 anos, levo feito algunhas entrevistas que se dirían importantes, escrito guións, feito documentais e reportaxes, libros de viaxes e cousas polo estilo de xeito que sumados ós vinte mil artigos que aí quedarán, sen maior magoa nin gloria, non dan pra me considerar nun da tribo, nun xornalista. E non o son. Carezo de "fontes dignas de todo crédito" e moito máis de "fontes oficiais" e que dicir da miña carencia das chamadas "oficiosas". 

Neste meu oficio de escribidor indefinible, por non dicir que incualificable, válome do que leo nos xornais, do que escoito nas emisoras de radio e televisión ou do que chega a min por iso que demos en chamar redes sociais, e, como paso o máis do meu tempo pechado na miña casa, válome ben pouco do que escoito na rúa porque a verdade é que non a piso moito.

A veces, o que leo nos periódicos éncheme de consternación e non o dou crido por moi certo que sexa, pero logo escribo o que se me ocorra a partires delo, malia non estar moi seguro da certeza da información que me está a servir de base; pero admitan que o "argumento de autoridade" pode servir; pois segundo o medio segundo o creto.

Todo isto ven a conto do afirmado pola señora ministra de Facenda que seica dixo que "reclamar a débeda é unirse ó "España nos roba" equiparándonos así ós hoxe tan deostados e ó tempo boiantes cataláns ós que tan ben lle ten ido durante séculos coa continua confrontación mantida "con Madrid". Pois ben, a conta desa e aínda doutras afirmacións de índole semellante, nese mesmo día, puidemos ler noutros medios que "Galicia ten o mesmo nivel de pobreza que no ano 55 do pasado século" o que pode facer sospeitar que amén dos aforros da nosa emigración (non se esqueza que na segunda metade do XIX e na primeira do XX, os galegos fomos, despois de Irlanda, o segundo país do mundo en número de emigrantes) esa España á que se refire a señora Montero tamén nos leva espoliado parte importante da nosa ánima colectiva.

Certo é que os datos son certos e que as cifras son as cifras, pero tamén é certo que as interpretacións que ambos/as facilitan son múltiples e variadas. Outra cousa son os feitos. Se esta comparación relativa ó que vai do 1955 o 2020 é susceptible de todo tipo de manipulacións, e o é, a comparación da ministra é un feito que avergonza a calquera persoa cun mínimo de criterio; sen necesidade de que teña que desfrutar dun mínimo de sentido crítico. É un feito que fala por si só.

Se algún familiar dos que me len, mesmo algún familiar meu que ultimamente non me debe ler moi ben e a xeito, pasou pola amarga situación de que os finados dos seus pais deixaran unha débeda con Facenda, estes, saben moi ben que esa débeda foi herdada polos seus fillos, sen que prescribise nunca. Se así é, como sen dúbida é, a argumentación da señora ministra deixaríaos convencidos de que o Estado pode ser o gran defraudador ó argumentar, quen encabeza unha das súas administracións de xeito tan peregrino e inoportuno como ela argumentou. O que lle está vedado ós individuos élle admitido ó Estado. Átenme esa mosca polo rabo e díganme como se lle chama a iso.

Ó longo de décadas e décadas o Estado permitiu e autorizou que Galicia fose o caladoiro nos que faenaron eses baixeles con patente de corso que son os bancos pra se facer cos aforros dos emigrantes a fin de proceder con eles á industrialización doutras áreas do Estado. Agora séguennos tocando... a mesma cantata, con outra letra, si, por conta da señora ministra de Facenda que non nos perdoa ter cumprido co déficit ano tras ano, mentres bendice e sufraga cos fondos comúns a aqueles que si o incumpriron.

O Goberno galego reaccionou (por fin) afirmando que levará o asunto ós tribunais de xustiza. O BNG xa sinalara ese camiño, en troques do epistolar dauela en boga, mentres Aragón, Asturias e máis Castilla-La Mancha, con gobernos socialistas, optaban pola mesma confrontación co goberno central. Non así o PSdeG-PSOE que disque non a toquedes máis que así ven sendo a rosa e millor falar do paritorio de Verín que certamente é asunto serio pero tamén unha vía de escape nesta oportunidade.

Que enorme diferenza existe entre escoitar falar a Iceta, o líder dos socialistas cataláns, e comparar a liña de actuación do seu partido coa que exhibe eiquí o seu homologo. Este ano seica corresponde celebrar eleccións en Galicia. Estarán valorando no PSdeG-PSOE a incidencia que vai ter o seguidismo que se sinala unha vez chegada a hora das votacións? Seica sí, cando menos en Lugo e n'A Coruña.

Mentres tanto, o noso Parlamento de Galicia tiña que terse pronunciado xa por unanimidade en contra dunha afirmación como a da señora Montero e apoiar ó noso goberno nunha decidida política de confrontación co goberno central. Non é a política de partido a que debe primar nesta ocasión. Non son os intereses de cada partido os que deben obrar na nosa cámara parlamentaria a este respecto. É o interés xeral o que debe prevalecer e mal camiño electoral andan a coller o PSdeG-PSOE e mailo seu socio actual Común da Esquerda se pensan que atendendo ós dicterios dos seus partidos centrais (se admitimos que se lles deba considerar así) han propiciar un goberno de coalición que desprace a Núñez Feijoo da presidencia do Goberno de Galicia, da Presidencia da Xunta, se prefiren que o digamos así. Galicia empeza a reclamar que, nas cuestións que atinxan a toda a nosa colectividade, os partidos dispoñan dunha voz propia e única que se faga escoitar en Madrid en tódalas ocasións que así o requiran. O resto sonlles discusións interesadas. O líder político que atine a concitala de certo que ha pasar á Historia de Galicia.

Te puede interesar