Opinión

Unha profesión de escravos

En Verín, unha nai e máis unha avoa encolerizadas, seica lle bateron a unha profesora. Servidor, que nesta vida leva feito case de todo (case, quede claro), de todo menos diñeiro, tamén foi docente e se aplicou durante non poucos anos a impartir aulas... que é o xeito fino e actual de dicir que daba clases. Pasado un tempo logo de telo deixalo, algo que sucedeu no ano oitenta e cinco do pasado século, cheguei un día todo alegre a casa da miña nai que, de contado, me interrogou ó respecto.

Contesteille que o que me pasara fora que me atopara cunha antiga alumna que me recordara os seus anos de estudio e que o fixera dun xeito que me resultara grato, que me regalara o ouvido, vaia, e que por iso andaba eu tan sorrinte, tan feliz e tan contente. Todo foi ben, ou sexa, todo foi así ata que me decatei de que aquela demostración de afecto fora do máis grato que podería recordar nunca da miña vida de profesor; unha profesión que, recórdeno, na Roma clásica era propia de escravos. Non é por nada. 

Había anos que constatara que a cousa ía cambiar, que aqueles vellos catedráticos de instituto, aqueles Don Juan Saco, Don José Souto, Don Francisco Ogando, Don Alfonso Vázquez e tantos outros que os ourensáns da miña quinta recordarán con ou sen afecto, dependerá dos casos, pero seguro que con respecto, esa imaxe docente daqueles vellos catedráticos desaparecera.

Comprenderao ó ler que, en León, un profesor fora condeado nun xulgado porque un alumno colocara a punta dun cartabón a altura do ollo do seu compañeiro do pupitre anterior e logo lle batera coa man no ombreiro de xeito que, ó revirar este a cabeza pra atender ó seu suposto requeremento, a punta do puñeteiro cartabón se lle incrustara nun ollo. Resultado? Pois condeado o profesor por non ter estado atento.

Había anos fora eu dar unha charleta ó instituto vigués chamado dos Picos, que igual agora xa non existe ou cambiou de todo, e comprobara o cambio que se aveciñaba cando tiven que ir salvando os corpos dos rapaces tumbados polo chan do corredor adiante sen que estes mostraran o máis mínimo sinal de respecto polos profesores que me guiaban cara ó salón de actos. A boa hora lle faciamos unha desas a calquera dos catedráticos citados. Ouh, se eu recordara agora como había que entrar na aula de Souto Vilas! Feito un pincel e cos zapatos debidamente abrillantados.

A nosa sociedade mellorou en moitísimos aspectos, sen dúbida ningunha. Posiblemente haxa hoxe en Ourense capital máis institutos que os que había en toda Galicia cando eu ía ó do Posío. Dígoo así porque non sei cantos haberá, pero daquela en toda Galicia non pasaban de sete. Tamén hai moitos máis médicos e moitos máis hospitais dos que había daquela e xa me dirán o que mellorou a medicina, pero hai xa tantos que nin entre eles se coñecen e pásalles cos doentes algo semellante ó que lles pasa ós profesores. 

O de Verín, tal e como o lin na prensa é sintomático. Unha nena de catro anos chega toda rabuñada á casa e probablemente recordando como quedaría a outra coa que se diría que podería terse pelexado, opta por botarlle a culpa á súa profesora como se esta non tivera cousa ningunha mellor que facer que andar a rabuñar nenos. Entón nai e avoa pegan a bater na profesora e de aí ó xulgado, rabúñana, arrástrana tirándolle dos pelos, en fin, un cristo. Menos mal que a nena tiña catro anos e a cousa non pasou de aí. 

O problema non só nos atinxe a nós senón que se diría que mesmo esta universalizado. Hai anos, debeu ser alá polo pasado 2002, que debeu ser a última vez que eu andei por aqueles arrabaldes, estaba en vigor en Australia unha lei que contemplaba a que daquela chamaban a “violación ocular”; é dicir que, por exemplo, unha alumna podía acusar formalmente a un profesor de violala coa ollada pois así se sentira ela ó ser contemplada polo profesor do que se tratase. Tan era así que, nas universidades, as titorías facíanse sempre de portas abertas e os profesores andaban polos corredores sempre en parella, como se fosen a da Garda Civil, non fora ser o caso.

Con casos coma estes, tan extremos como certos, pouca autoridade é a que lle resta a un profesor pra exercela sobre os seus alumnos. Pero así viñeron os tempos e así pasa o que pasa. Cando se afirma que hai que eliminar a competitividade entre os alumnos non debe ser entendido que haxa que abolir o espírito de superación e deixar de aprenderlles ós alumnos que a única competencia que debe motivalos ha ser que a que manteñan con eles mesmos e que a ambición no é mala, que malas son a codicia e maila avaricia.

Cando se explica que as clases non deben ser sempre leccións maxistrais senón que hai que interactuar cos alumnos poñéndose á súa altura non quere dicir que o profesor sexa igual que eles senón que debe saber pórse ó seu nivel pero non descender a el, nin subilos a eles ó seu de autoridade, porque logo pasa o que pasa.

Cantos médicos son hoxe agredidos por pacientes impacientes e autoritarios, cheos de exixencias baseadas no “a vostede págolle eu cos meus impostos” e déame a receita e déixese de caralladas? E cantos alumnos ameazan ós seus profesores coa visita dos seus país como se estes fosen o primo de Zumosol?

O ocorrido en Verín é un síntoma de que, por aí, o sistema está fallando, non o xudicial, pero si o educativo. Falla propiciando sucesos coma estes e falla non dotando ós profesores das técnicas mínimas exixibles pra poder enfrontarse a un alumnado cada vez máis agresivo. Algo que non nos merecemos está a fallar. A ver se dunha vez se promulga unha lei de educación feita ó tempo por unha esquerda e máis por unha dereita que, amén de saber deixar a un lado fervenzas ideolóxicas que dan, dunha vez, unha lei laicista e, doutra vez, unha lei impregnada de relixiosidade ad hoc, lle devolven ó profesor a autoridade que os tempos lle levaron e por aí podemos empezar a endereitar a cousa.

Te puede interesar