Opinión

Que viva o caldo galego

Confeso ser un adicto ó caldo galego; preferentemente ó de grelos, pero tamén me valen o de nabizas e mesmo o de repolo. Levaba anos nos que, dada a súa pouca presenza nas cartas dos restaurantes do país, só adoitaba comelo no do “Café Varela”, en Madrid, pois nel dispoñen dun cociñeiro galego que ignoro se terá ou non o cordon bleu pero que merecer ben que o merece; tan bo é no seu oficio que con so ulilo según cho poñen na mesa, acordase un, sen maiores esforzos, do símbolo co que Enrique III de Francia o dotou, alá polo século XVI, a cruz do Espírito Santo colgando dun cordón desa color e non doutra ningunha. É un caldo, sutil e alado, que alivia o espírito de mil pesares.

Agora xa o podo comer no Abelleira, un restaurante de cerca de onde eu vivo. Ocorréuseme non hai moito reclamarlle ó dono a súa presenza no menú pero resultou que figurar non figura nel, pero que o fan a cotío pois a nai e máis unha tía do dono, tomano tódolos días. Ignoro a idade destas dúas damas, pero sospeito se a lonxevidade das xentes galegas debe estar moi relacionada co caldiño de marras. Na casa alaricana do meu avó Luis o caldo era, preceptivamente, primeiro prato do almorzo e o segundo da cea. Agora espero chegar a tempo de vivir uns aniños de propina grazas á inxesta levada a cabo no Abelleira.

Ven todo isto a conto porque non este domingo próximo pasado, o das eleccións, senón o anterior, en Sada (quen mo ía dicir) comín o caldo de gloria de Barxas preparado polo seu neto seguindo a receita da súa avoa. Ouh, que caldiño amante! Foi unha xornada memorable. Paco López-Barxa, o escritor, e Isabel Pintado a pintora, son a maiores de artistas certos dos que xa nos van quedando poucos, son dous anfitrións excelsos. Poden confirmalo o editor Xosé Luis Teófilo e Maruxa, a súa dona e colega, xente de tan bo gusto que ata nos seus libros se lles nota e queda en evidencia, os dous asistiron ó encontro que ogallá volva ter lugar en moitos e vindeiros anos; tamén os dous poden certificar todo canto eu digo.

Malíciome que a algúns, non moitos pero si algúns halles semellar ociosa esta miña celebración das virtudes do noso prato nacional, pero que queren que lles diga. François Mitterrand, presidente de Francia no seu momento, ordenou que en todos os despachos dos servidores públicos, dende alcaldes a embaixadores, dende directores de liceos ata os coroneis dos reximentos, exhibiran en todos eles un exemplar dos Ensaios de Michel de Montaigne dando un exemplo que, cos tempos que se aveciñan, facilitaría que non estivese de máis que o usual viño español -que sempre acaba por ser branco ribeiro ou albariño, cando non godello ou treixadura- fora non substituído pero si acompañado dunha taciña de caldo do país xunto coa recomendación de que fose ofrecido nos restaurantes do territorio desta nosa nación cultural que ninguén ousará afirmar que non existe, madía leva. En resume e pra acabar. Que viva o caldo galego e que nos axude a todos a vivir durante moitos anos que presa non temos ningunha en abandonar este mundo antes de velo algo recomposto e certamente noso.

Te puede interesar