Opinión

Quen goberna a quen


É de supoñer que, a estas alturas, xa contemos cun novo presidente de Galicia. Non era sen tempo, malia que sexa certo que a boa cociña sexa cuestión mesmamente de tempo e lume manso, nunca arrebatado. 

Iso por unha parte pois por outra a cousa non da a impresión de que vaia cambiar moito. Dito no mellor sentido da expresión, trátase de distintos cans con idénticos colares e o ritmo desenvolvido polos últimos presidentes non se pode dicir que fosen estrondosos senón máis ben tan sosegados, tanto, que ás veces semellaría que non se movesen moito; agás na primeira lexislatura fraguiana, cando este lle saíu rá ó presidente do Goberno central, o hoxe tan descifrable Felipe Gonzalez.

Dise así porque servidor non recorda o que algúns chamarían “política de obras” como a da gobernación de Laxe que así a definiron moitos, non sen certa mala uva, comparándoa coa daquel ministro franquista, con casa en Poio, chamado Gonzalo Fernández de la Mora incomparable defensor da chamada democracia orgánica chegada a hora de parangonalo co socialdemócrata que foi o atleta tímido e de poucas palabras que foi o chamado Fernando González Laxe.

O caso é que é de supoñer que a estas alturas contemos xa cun novo Goberno pois tamén de supoñer que o novo premier lles dea vacacións a algúns titulares aparentemente, cando menos aparentemente, convencidos de que a súa titularidade é pouco menos que vitalicia e así andan algunhas consellerías que non ha ser preciso que queden eiquí citadas.

Reclamacións ten xa habida algunha ca outra. A lideresa, por antonomasia, moito teimou en que o novo presidente non ía ser elixido polo pobo, ese conxunto que é preferible cualificar coma cidadanía. Pois ben, dado por feito que pasou o día e que polo tanto acabou a romaría, conviría recordar que os cidadáns non eliximos presidente. O que eliximos é un partido -do que nos máis dos casos só coñecemos o nome do seu líder, e case ningún dos candidatos- pra que os electos que conformen maioría decidan o nome de quen ha presidir o Goberno, alguén que pode que sexa deputado, pero mesmo pode que non, si se trata do caso do Congreso e do presidente do Goberno central. No caso noso, pra ser presidente de Galicia é preciso que este sexa deputado autonómico; senón, non. Quenes gobernan son os partidos e, quenes gobernan estes, son os seus xefes de fila sempre e cando teñan o aparello partidario ó seu acado. Quen goberna o Goberno é o partido do goberno e, quen goberna este, é unha cúpula dirixente que non foi nunca, nin respondeu nunca ós mesmos afáns no caso de presidila Aznar, que Rajoy; consideración esta extensible a que non foi o mesmo PSOE o de González, que o de Zapatero, ou o actual de Sánchez. Conviría non deixar de telo en conta, teremos novo presidente, pero aínda non se sabe se idénticas actuacións políticas. 

Te puede interesar