Opinión

Quen nos dera un Esteban!

Recoñezo que son algo dado a me curar en saúde; por iso, cando escribo algunha cousa como a do pasado mércores, coma a de antonte, doulla a ler a algún amigo antes de lla mandar ó periódico pra ver como reacciona e e deducir de paso a conveniencia ou non de publicala. Normalmente nunca consigo moito. Uns din que arre e outros din que xo e así non lles hai xeito. 

Polo xeral acabo por facer o que me peta e por iso me equivoco tanto e tan a miúdo como o fago. Defecto do animal, que diría o finado do meu pai, ou que, efectivamente, non sei estar; tal e como deixou dito o defunto Paco del Riego a quen Celso Emilio Ferreiro, algo inmisericordemente de máis, chamaba Paco del Miedo. Será que o medo garda a viña e que así teño eu a miña.

Na ocasión que sinalo houbo quen me preguntou, algo molesto, se é que eu non creo que no PP -no mesmo PP que o finado Pepe Cuiña e mailo felizmente vivo Xosé Luis Baltar quixeron e fixeron un PPG que hoxe xa non o é ou non é tanto- non hai xente quen de defender con afáns galeguistas a política galega. 

Debín responderlle, con algún coñecemento de causa, que sí, que claro que os hai e que non é pouca a xente que está a agardar que se fagan patentes eses afáns dunha bendita vez e con moita máis claridade que nunca. Quen nos dera en Galicia alguén que, dende as siglas que fosen, dende as da extinta (non de todo) Coalición Galega nacida en Ourense da man de Euloxio G. Franqueira, ata nas mesmas filas daqueles que se proclaman independentistas, xurdira unha figura dona dun discurso equivalente ó que o peneuvista Aitor Esteban desenvolve no Congreso dos Deputados.

O mesmo vale pró PSdeG-PSOE. Que queda daquel partido que foi quen de incorporar nas súas listas ós catro galeguistas independentes e de lle confiar a carteira de cultura a un deses catro unha vez chegada a ocasión propicia? Que daquel partido que gobernou en coalición con outros dous mentres, sen un só roce entre eles, aturou a enorme capacidade de desinformación dunha oposición convencida de que o disfrute do poder lle corresponde a ela e non a ninguén máis? Que do que logo gobernou en coalición co BNG?

Non deixara de haber algúns ós que se lles poderá antollar sesgada a opinión de que Galicia funcionou ben sempre e cando os seus gobernos atenderon ás demandas que a nosa sociedade formulou dende a concepción dun pais autogobernado que acepta o xogo constitucional e se cingue a el sen detrimento dos seus propios intereses nacionais.

Sucedeu así nas dúas oportunidades nas que gobernou a esquerda, certamente. Pero tamén sucedera antes cando Xosé Luis Barreiro -coa inestimable e construtiva colaboración institucional de Ceferino Díaz, feita dende a oposición parlamentaria que il dirixía- atinou a artellar unha administración autónoma da que aínda hoxe disfrutamos, malia que se desmesurara coma o fixo. Barreiro soubo facer do PP un partido "galego coma nós" que durou o que durou porque na confrontación ás veces tes diante quen entende o diálogo dende a forza e non dende a reflexión serena.

Sucedeu tamén, que dubida cabe, na primeira e diría que prodixiosa primeira lexislatura de Fraga sen que a oposición atinara a aproveitar a inercia que o seu impulso galeguista significaba. Unha oposición que aprobaba a súa xestión, en privado e coa boca pequena, deso son eu testigo, sen atreverse a facer o que agora afortunadamente sabe facer o BNG. Tempo perdido do que conviría obter as leccións debidas. Fraga puxo a Galicia non só no mapa nacional senón no internacional. Si Fraga se tivese retirado logo desa súa primeira lexislatura, tería deixado un legado que, ó non facelo, se perdeu co exercicio das seguintes nas que gobernou Galicia sometido ós criterios dun José María Aznar ó que lle prestou maior lealdade que a que lle deparou ó país cuxo goberno presidía, e isto é algo tan certo como certa é a afirmación anterior.

Quédannos meses pra decidir quen nos ha gobernar ó cabo do seu transcurso. Feijoo ten a oportunidade de confrontar cun goberno, do que o seu partido é oposición, e de negociar con el obtendo pactos que beneficien a Galicia nunha medida que compense tanto agravio comparativo coma os que levamos padecido e, de non facelo así, deberá xurdir no PP a figura que volva encarnar un compromiso galeguista forte, real e verdadeiro. 

Mentres tanto, Caballero deberá demostrarnos ós galegos que é quen de obter, pola vía da concordia e do entendemento cos seus afíns, pero tamén da negociacións en caso necesario, o mesmo que outros conseguen pola da confrontación e o pacto en tantas ocasións excesivamente torticeiro. E xa postos a arriscar diagnósticos e receitas que ninguén me pide oxalá o BNG acerte, por medio dunha adecuación da súa linguaxe política ás demandas actuais da nosa sociedade, oxalá acerte a concitar a anuencia das distintas sensibilidades espalladas en tantos grupos e grupiños políticos pra dotar ó país da forza política que lle permita encetar un voo de máis altas miras que o rasante que levamos desenvolvendo nas pasadas décadas no conxunto da política estatal.

E mentres tanto os demais deberemos permanecer atentos a esta posible e desexable evolución dos tres nosos grandes partidos galegos pra deterxer opinións, liberarnos de vellos e algo ancestrais prexuízos e, unha vez chegado o momento, obrar en consecuencia. Deberemos aproveitar a ocasión que soubo aproveitar agora o BNG e deixar de ser o último mono no concerto da política estatal tal e como, ó parecer non irremediablemente, viñemos sendo dende os tempos nos que Felipe González apostou por Fraga deixando a Laxe a un lado e con Laxe os intereses que Galicia lexitimamente representaba.

Te puede interesar