Opinión

A razón é o alma de toda lei

Naquel noso bacharelato no que tantas cousas inútiles nos aprenderon pra que logo nos valeran de tanto -o latín, por exemplo- tamén nos aprenderon outras decididamente útiles que, porén, chegado o caso, non nos valeron pra nada. Que lles parece a resolución de ecuacións de cuarto grao?

Ó millor é que eu son dos que estou de acordo, grazas precisamente a aquel bacharelato, con algunhas que considero verdades; verbigracia a afirmación de Wittgenstein de que ás lindes da miña mente márcaas a miña linguaxe, ou algo así; non se fíen moito da miña memoria, moito menos hoxe, cando aboia na tona desa miña memoria outra máis que, se non lla lin ó autor do “Tractatus” non sei a quen lla lería. Cal esoutra? Pois esta: A razón é o alma de toda lei.

A primeira váleme pra me consolar ante a miña impotencia, tan acrecentada nestes días ó contemplar a paisaxe constitucional. Déixenme que a nomee así porque, de seguido, non deixar de cismar na necesidade non de botar embaixo a Constitución, Breogán me vala, senón na perentoria conveniencia de reformar uns cantos, non moitos, pero si algúns dos seus artigos.

A razón funcionou cando se redactaron eses artigos (pois tiñan alma) ós mesmos ós que nos referimos hai unha semana; porén é esa mesma razón a que nos debe levar á unha nova redacción deles (agora deviron desalmados) e a razón debe ser o cerne da lei sempre. Cambia a sociedade e con ela debe cambiar algunha lei que outra. Pero non me parece que estea o forno político pra tales aventuras do ánimo colectivo. A culpa de todo isto debe ser, digo eu, o maldito bacharelato plan do 1953.

Entón, é dicir logo do 78, conformabamos a opinión propia a partires das lecturas de autores considerados influentes e uns eran dun signo e outros érano  doutro. A súa influencia afectaba a un conxunto de valores que, de non ser aceptados, conducían a adopción doutros que sempre estaban subordinados a ter en conta actitudes relacionadas coa ética e coa moral. Algo pasa. Dáme no corpo que, esas lecturas de autores influentes, hoxe, xa non son tan frecuentadas como o foron antano.

Os influentes levan sido solermiñamente substituídos por ese tormentoso maremagnun dos influencers,  esa peste que nos invade e que non nos aporta valores éticos senón máis ben estéticos; uns valores que veñen envolveitos, non sei en cal medida, en tan poucas palabras que estas non son abondo pra determinar na nosa sociedade unhas lindes que deberan ser xenerosamente amplas como pra permitir unha convivencia que se desexa hármónica.

Cando es dono de moitas palabras es máis dono do mundo que che rodea. As cousas pertencen a aqueles que son quen de nomealas. A finais dos pasados anos setenta, o caudal léxico dun español medio era de douscentos e pico de palabras; pouco mundo se pode abranguer con tal bagaxe. Cal será hoxe o caudal léxico medio dese españolito medio? E cal á volta doutros vinte anos? Non sabemos os nomes dos nosos deputados, os que votamos a instancias do partido ó que pertencen pois perténcenlle a el, ó seu partido, e defenden os intereses de grupo, non os nosos…na maioría das ocasións; un respiriño convén que se nos dea ós que os eliximos, de acordo co articulado correspondente da Constitución do 78, e xa non valen. Por iso hai que botar man das concretas e precisas reformas. As que a situación actual reclama.

Te puede interesar