Opinión

A relixión son os pais

Lichtenberg, Georg Christoph Lictenberg (1742-1799), estaba convencido, afírmao nun impagable libro de aforismos que acabo de recuperar, perdido ou esquecido que estaba, nun andel calquera do estudio no que me entobo, día tras día, e que sexa por moitos anos; estaba convencido, dicíalles, de que intentar facer ó ser humano tal e como a relixión, calquera relixión, quere que sexa é unha empresa semellante a dos estoicos; é dicir, un chanzo máis do imposible. Cada home é como é. Nin sequera as máis das veces é como quixera ser e moi poucos son os que o conseguen.

Nin sequera as relixións son como sempre foron ou como sempre quixeran ser. A moral é cambiante e a que desfruta unha xeración pouco ou nada ten que ver, en moitas ocasións e en máis dunha relixión, coa que padeceu outra. Na miña mocidade era impensable un escote feminino coma os considerados normais no século de ouro e non quero recordar os bañadores de corpo enteiro que os homes lucían nas praias pontevedresas da miña nenez. Nin sequera a moralidade neses días era en Castela a que reflicten as obras de Calderón ou Lope comparada coa que mantiña a igrexa galega cando afirmaba que a fornicación non era pecado. O honor e maila honra non tiñan nada que ver co que se entendía por eiquí. Unha moza castelá estaba condenada a ser botada do fogar paterno e encamiñada á prostitución, mentres que o fillo inevitablemente ía dereitiño a un hospicio, en tanto que na zona de Muros quen deshonraba e tiña que restituírlle o honor á familia era o rapaz que a preñara comportándose coma un home levándoa ó altar. Lean os estudios de Carmelo Lisón Tolosana (a "Antropoloxía socio cultural de Galicia", por exemplo) ou recorden o texto que levou a Rosalía de Castro a renunciar ó galego decidindo non volver a escribir nel, cousa que fixo.

Por iso se me antolla a min que a Lichtenberg non lle escaseaba a razón cando formulou tal aforismo como o que recordo. Facer ó home como a relixión quere que sexa é só un escalón máis do imposible.

Sen embargo que manipulable é o ser humano! Escribiu Maeterlink que a proba de que as abellas teñen xuízo é que o enxameo ás veces se equivoca. Sucede así cando o espírito da colmea se determina na dirección equivocada por considerala a correcta. Hai anos, agora antolláseme que xa algo menos, neste país a práctica do budismo, ou á aproximación intelectual a el, era considerado progresista e moi avido a razón, mentres que a profesión do cristianismo se ofrecía carca e retrograda, propia de xentes dunha dereita algo extremada. Se queren analicen as causas, é posible facelo, pero ser éralles así contra toda lóxica. Dende que Cristo, un deus, se inmolou polos homes deixaron de inmolarse ós deuses as vítimas humanas inocentes e todos, ós ollos do deus cristián, pasamos a ser iguais. Lean textos budistas e decidan se minto moito.

Agora o que se leva e o islamismo, de xeito que a esquerda se posiciona favorablemente á súa contemplación mentres que a dereita se decide máis ben pola defensa da educación católica encontrada con aquela chegada a hora de lla aprender ós rapaces nas escolas.

Os profesores deben educar ós seus alumnos nunha serie de valores que atinxan á súa formación académica e cívica, pero os pais non deben delegar neles as obrigas que, no referente á relixión, lles compete a eles. No Xapón, non sei hoxe, pero si hai uns anos, non estaba permitido o ensino relixioso nos centros educativos pois esa era ou é aínda considerada unha obriga familiar se así o entende e decide. Esta norma rexía ata que os alumnos cumprían os dezaseis anos de idade, nese momento si podían recibir ensino relixioso pero unicamente a petición do propio alumno e sen que os pais puideran incidir, nun sentido de apoio ou de negación da decisión do fillo.

Chegará un día no que se promulgue unha lei de educación na que as relixións non determinen un enfrontamento entre a cidadanía dunha crenza ou doutra? Chegará un día no que admitamos que haxa cristiáns progresistas e cristiáns carcas ó tempo que musulmáns fanatizados polo islamismo radical e musulmáns amantes da liberdade de crenza e cheos de respecto pra con aqueles que non cren nas mesma cousas que eles cren?

Ese día, que moito me temo que eu non chegarei a velo, deixarémonos desta ou daquela relixión, desta ou daquela concepción da educación na cidadanía, de xeito que ós rapaces se lles aprenderá a Constitución e coñecerán os dereitos e as obrigas que a Constitución lles recoñece. Con elo será máis que abondo. Pero mentres iso non se faga, continuaremos negando ou defendendo unha Constitución que descoñecemos e nos induce ó respecto e á convivencia nun marco de liberdade de criterio da que hoxe non dispomos en medida tal que sempre lla estamos negando a todo aquel que non pense, sinta e se comporte coma nós ou a nosa relixión e tamén a nosa ideoloxía nos indiquen. E así non lles ten xeito.

Te puede interesar