Opinión

O reto demográfico das churras e merinas

De súpeto, ou cando menos así mo pareceu a min, as redes sociais enchéronse de proclamas, datos, noticias e consideracións varias a cerca dunha moza escritora que foi convidada a pronunciar un discurso non sei ben se na Moncloa se tan só diante do presidente do goberno. A súa intervención, causante desa enxurrada de datos, noticias e valoracións de todo tipo, a mesma que acabo de escoitar grazas ó Profesor Google, non dura nin catro minutos; pero a súa repercusión, malia estar esta repleta do que se poderían considerar e chamar lugares comúns e de precisións que se poderían cualificar de obsecuentes, a este escribidor de vostedes esa repercusión antóllaselle excesiva... por non dicir que provocada, cando non exaxerada e un chisco demagóxica e interesada.

Bota en falla, lamenta a autora do discurso, os tempos dos seus pais ó parecer tan distintos e mellores ca estes que hoxe está a vivir a nosa mocidade. É certo que as cousas non están sendo doadas prós mozos. Sen embargo é falsa a idílica visión que da dos tempos vividos, cando mozos, polas xentes da miña idade, da xente que daquela habitaba no que hoxe se da en chamar a España baleirada; cando do que en realidade se trata é da España espoliada, da España preterida e máis do feito de que, fronte ós exemplos dados pola escritora, poden ser dados, cando menos, outros tantos que se opoñan a eles e desvirtúen o adoutrinamento que comportan.

Hai sesenta anos non poucos mozos ourensáns emigraron metidos no interior de camións cisterna que viaxaban baleiros mentres outros se desprazaban a pé dende un Brasil que xa non lles ofrecía as buscadas solucións, ata a Venezuela que si llas aportaba. Entón, as vivendas do noso rural, producindo Ourense máis electricidade que todo o resto de España xunta, carecían de luz, carecían de tendido eléctrico, e tiñan que botar man dos candís de carburo ou dos quinqués de petróleo. Sigo?

Falamos agora dos medios de transportes e facémolo en resposta á queixa de que a xove escritora non teña hoxe nin coche nin hipoteca, como lle sucede a moitísimos outros xoves e lles sucedía a moitos outros antes? Falamos tamén de que se tiñan moitos fillos non só porque era inevitable, senón porque, á volta de poucos anos, constituirían unha imprescindible man de obra que axudase á economía familiar? E das condicións nas que emigraban aqueles tantos rapaces analfabetos e comparámolos cos que, tamén lamentablemente, teñen que emigrar hoxe cos seus títulos universitarios baixo o brazo?

É certo que, ó final, chegaremos senón as mesmas conclusións finais ás que chega a lectora dese discurso, escasamente espontáneo, si a outras parecidas. Pero non é mentira que o faremos por camiños distintos, que non hai atallo sen traballo e que a señora atalla moito, demasiado.

Atalla e, tanto atallar, pode distraer e distrae das causas da despoboación habitacional de España; tamén da atención debida ás diversas fontes de riqueza e enerxía das que dispomos, falta de atención levada a cabo en aras da conversión deste país no parque temático europeo no que os cidadáns da Unión acuden a ocupar o seu ocio... ata que unha pandemia lles aconselle evitalo e se nos desmantele a economía enteira.

É realmente tan importante que as pensións dos hoxe mozos acaben sendo pagadas por eles ou polas aportacións dos emigrantes? Pódeselle seguir chamando emigrante a un señor que adquiriu a cidadanía e leve trinta anos vivindo entre nós? Derivará esa concepción da que nos permite afirmar que os Reis Católicos expulsaron ós árabes de España?

Pódeselles chamar hoxe árabes ós súbditos españois pertencentes a un grupo social, étnico e relixioso cuxos membros leven vivindo oito séculos no mesmo territorio ca nós? É que non eran españois? E que tampouco non o eran os xudeus que foron igualmente expulsados? É aceptable que a expulsión destes privou ó conxunto de España dunha imprescindible clase empresarial cuxa ausencia fixo inviable a revolución industrial entre nós e no momento oportuno? E que a daqueles, a dos españois de relixión musulmá, privounos a todos dunha agricultura sostible, racional e rendible?

Que sucede con toda a gran parte de man de obra que mantén en pe o noso entretecido agropecuario? Os que a compoñen non serán cidadáns de pleno dereito dende o momento que leven entre nós un determinado número de anos, cumpran coas nosas leis, respecten as ideas e crenzas alleas e o fagan na mesma e idéntica medida nas que os demais respecten as deles? Non será así mentres eles paguen relixiosa e oportunamente os seus impostos, facéndoo ó par de prestar as súas contribucións ó fondo común da seguridade social.

É certo que antes emigraban maiormente mozos pouco, mal ou nada alfabetizados. Non é mentira que hoxe o fan tamén mozos titulados en medicina, en arquitectura ou en enxeñería, en matemáticas, en economía ou en dereito. Pero que ten iso que ver co índice demográfico? Será o desmantelamento industrial cousa tamén do pouco que se procrea entre nós?

Mesturar desigualdade territorial, desmantelamento industrial, ou protección arancelaria propondo de partida que do que se vai tratar é do reto demográfico é confundir churras con merinas, por dicilo en linguaxe castelá, e por se non fora abondo co ata agora comentado.

Non. Non é envexable aquela vida sen sanidade universal e gratuíta, sen escola pública universal e igualmente gratuíta, cando unha voda requiría a tala dun pinar ou, miren que cousas, a firma dunha hipoteca como a que non ten a escritora á que nos referimos, Ana Iris Simón de nome, disque lamenta non ter, estando como está á altura dos seus vinte e nove anos.

Te puede interesar