Opinión

De revolucións a revolcóns

Oartigo que lle ía enviar hoxe ó meu "titulador" de quenda -porque debo confesarlles que dos vinte e pico mil artigos que levo escritos ó longo da miña vida non recordo ter titulado ningún, se acaso un par deles, non estou seguro. En realidade trátase dunha teima coma outra calquera, probablemente. Tamén pode que sexa simple nugalla. Non o sei-, o caso foi que ese artigo alongouse. Fóiseme alongando de xeito que houbo que deixalo pró venres vindeiro, pra pasado mañá; pero antes suxeriume dúas cousas: primeira, a de aproveitar a oportunidade pra darlle publicamente as grazas ó meu "titulador" (eu nunca o faría millor) e, segunda, inducirme o comentario que xa non irá como continuación, nin mesmo como limiar del, senón con independencia e campando ó seu aire.

O comentario, causante do anterior parágrafo, élles moi simple, acaso demasiado, non sei se por evidente ou porque poida ser mal interpretado, dadas as diferenzas de lugar e tempo, de circunstancias e efectos; pero, con indiferenza de que fosen aqueles ou sexan estas, quizás sexa momento oportuno de nos preguntar cal sería a nosa actual situación, en que se diferenciaría da existente, se, por un lado, non se lle houbesen negado os orzamentos que se lles negaron ós investigadores do CSIC e, por outro, non se levasen a ramo, como se levaron, os recortes de toda condición e índole practicados na sanidade pública; ou simplemente que, en troques de privilexiar á privada tal e como se fixo no seu momento, non se houbesen deixado as cousas como estaban sen necesidade mesmo de aumentar o número de sanitarios de toda gradación deixando en cadro os hospitais como tantos deles quedaron.

Hai un exemplo que é sintomático do que se está a expoñer: o das críticas sistemáticas de malgasto e de megalomanía que se lle prodigaron ó Executivo de entón, con abstracción de quen se tratase naquel momento, cando foi creada a UME, a Unidade Militar de Emerxencia, sen a que a actual situación sería outra moita distinta e indesexable. Ou seica non?

Por suposto que tras dunha revolución cambian moitas cousas e por suposto tamén que, tal e como vai o mundo, as revoltas cada vez han ser máis rápida e máis eficazmente sufocadas. As cousas non van ser alteradas por revolucións, pero si por revolcóns coma o que o estamos levando e contra os que vai ser preciso estar debidamente armados cada vez que nos aflixan. 

Cada vez seremos máis polo que, no futuro, o sector público terá que ser máis potenciado. Dende unha sanidade coordinada e eficaz ata un ensino e máis unha actividade científica dependentes dos orzamentos públicos, van ter que ser estudados, ensaiados e levados a ramo sen menoscabo da individualidade das persoas e a singularidade dos territorios que habiten. Non vai ser doado, pero vai ter que ser así. Trátase de todo un desafío. Pero primeiro haberá que admitir que ese desafío está aí e hai que afrontalo.

Te puede interesar