Opinión

Schopenhauer coma bálsamo

O vello rosmón que debeu ser Schopenhauer, deixou escrito -por si non nos enteráramos e tiveramos necesidade de seren conscientes delo- que dos males da vida adoito nos consolamos coa morte e que, da morte, cos que nos consolamos ven sendo cos da vida: logo, non sei se con algunha ironía de máis, engade unha breve consideración: “agradable situación”.

O que é ó día de hoxe, Schopenhauer non é un pensador excesivamente frecuentado, senón máis ben proscrito -recorde o lector aquela súa sentenza de que as mulleres son seres de cabelos longos e ideas curtas, por exemplo- pero hai momentos nos que recorremos a el algúns lectores, xa case que todos vellos. Somos vellos lectores del, malia opinión coma esta da cabeleiras e os intelectos femininos, do mesmo xeito que non poucos galenos actuais recorren a Nóvoa Santos a propósito da clínica médica e pese ás opinións nas que quedou constancia nos seus escritos sen que nos atrevamos a recordalas… tales son e aquel que queira lelas que as busque que tampouco non son tan difíciles de encontrar. A xente de xenio, os xenios da clase que sexa, teñen escrito cousas de perenne actualidade ó tempo que máis dunha chafalladiña intelectual que millor sería que non a tiveran expresado. Pero regresemos a Schopenhauer.

Acaba de pasar á outra banda vida, ó que o meu pai chamaba o mundo da verdade, a maior das miñas irmáns a quen, dada a miña idade, eu levei en brazos sendo ben pequena, recen chegada ela á vida, e a quen acompañei, máis que con eficacia con silente compañía, nos derradeiros días, os anteriores ó seu pasamento. Por iso busquei a Schopenhauer, por iso botei man de non poucas das súas sentenzas. Tamén por iso me atrevo a reproducilas como se fosen un bálsamo que, se non me consolase, cando menos algo me aportará de cara ó tempo que me reste a min de vida.

Unha diferenza propias da xente normal e as donas dunha preclara intelixencia é a de que, aquelas, ó meditar e aprezar os sucesos posibles, tanto faustos como infaustos, poñen na balanza tan só o que ocorreu mentres que, as segundas, o que puido e non puido ocorrer. É natural. Pois abranguer coa mirada o que pode ocorrer require entendementos mentres que o que ocorreu tan só requires sentidos. Todo isto, millor ou peor expresado é o que, a conto da morte, consideraba o rosmón de guedellas encrespadas e cara de mala leche. 

Que pode derivarse de todo un sistema linfático invadido polo que os nosos paisanos, agudos coma poucos outros, chamaban o bicho? Ese bicho que según Wilhen Reich, o discípulo de Freud que afirmaba que todos o levamos dentro, que se esperta unhas veces a empuxóns dun desgusto, da alimentación noutras, do tabaquismo en non poucas delas e dalgunhas máis que non nos obrigan á nos espallar engadíndoas a estas. Que pode derivarse dun proceso así? No meu caso confeso que tan só un enorme sentimento de tristeza. Tanta e tan intensa que só me permite escribir así como acaba de quedar escrito.

Te puede interesar