Opinión

Unha señora de dereitas despectivas

A que está a liar a tal Miri Revev en Israel. Esta señora, á que lle haberá que botar uns cincoenta aniños, ano arriba, ano abaixo, cando menos se xulgamos a partires da fasquía que se nos ofrece nas súas fotos, a propia dunha señora que debe estar bastante ben, empecemos polo bo para que non se diga e porque pouco máis debe haber, esta señora, que é a actual ministra de Cultura do seu país, está axitando o mundo que debera mimar, tal e como a súa ocupación política permitiría deducir, dun xeito que non se me antolla moi digno nin de ser imitado, nin moito menos seguido: O de empezar chamándolles ós que componen en primeira liña de combate, ós creadores culturais, cús apretados, ingratos, pelmas e cousas así, todas tres e outras que tal que de ser eiquín e ter saido en tweets xa terían dado conta dela; ou sexa, un ramalliño de flores que deberon alfombrar e alfombrarán aínda por meses as relacións entre ela e os seus encomedados dun xeito que, visto dende eiquí, non se nos antollará indescriptible.

Postos a pensar non nos ha costar moito traballo imaxinar ós nosos colegas israelís, a todos eles, ministra excluida, paseando por la Vía da Amargura cos seus cus apretadiños, andando con pasiños curtos e breves, mentres manteñen cadansúa oliva na respectiva reigada; xa saben, esa liña profunda que marca a separación entre as nádegas, procurando, en tanto, que non se lles veña embaixo, nin a dignidade nin tampouco a puñeteira aceituna. Por algo lle debeu chamar cus apretados a señora ministra ós creadores de cultura israelís pois, polo que se ve, está máis que disposta a darlles por onde precisamente se protexen coa aceituna e camiñan como camiñan sabendo que, en calquer momento, o ministerio vailla meter doblada. A intención que o anima, non pensen noutra cousa.

Debe ser a causa dos tempos que vivimos, tan atrastabanados, polo menos, coma os que lle fixeron a San Policarpo, obispo de Esmirna, clamar a Deus preguntándolle por qué o fixera nacer en anos tan interesantes. Os nosos non o son menos. Comentoo porque por eiquí tamén andamos sobrados de xeito que é moi de temer que, ó noso señor ministro do ramo, a opinión que lle merezamos as xentes da cultura non ha ser moi distinta da que sostén a súa colega xudea que se non é máis é tan de dereitas coma el e ademáis é ex xeneral do exército israelí, unha señora de dereitas despectivas que son unha subespecie da dereita civilizada e digna, a maioría dela, sen moito que ver con estes especímenes.

Agora circula o rumor de que, alá por xaneiro, o goberno vaille rebaixar ó IVE ó mundo da cultura; é dicir, ad calendas grecas. Seica llo vai rebaixar a un entramado que, na súa faceta creativa, aporta o 2% do PIB, do que o 1% xenerao o mundo do libro. Se a iso se lle suma o que o patrimonio histórico e monumental aporta en concepto de atracción turística, o mundo da cultura debería recibir un mimo e unha delicada atención, non digo que tan grandes como a que se lle dispensa á banca, Breogán o fixera millor, pero sí unha atención abonda como pra que a súa colaboración ó benestar común fose non recompensada pero si considerada.

Disque a rebaixa do IVE vai ser do dous por cento. Non se trata eiquí de recordar os paises europeos nos que, por exemplo o libro, non ten IVE. Nen sequera se trata de recordar que, non sei hoxe, pero si que hai algúns anos os escritores irlandeses non pagaban impostos. Tampouco o IVE que se paga nos países do noso entorno. Non se trata de nada deso, nin moito menos. ¿E porque non se trata deso?

Non se trata porque eiquí e a maiores as cuestións son outras. O desprezo, a soberbia, a prepotencia da que fai gala a señora Miri Reves non ten nada que non teñan as autoridades culturais comúns, excepción feita do recén nomeado conselleiro que, dende que sustitueu no cargo ó actual alcalde ourensán, aínda non amosu o talante que amosa de antigo o secretario xeral da cousa, a quen tantas se lle disculparon por se ó sinalalas se entendía que as intencións apuntaban máis alto.

Israel está composto por uns poucos millóns de habitantes, non han chegar a nove, dos que uns tres son xudeos. O noso pequeno e sofrido país ándalle cerca e o noso mundo cultural é aínda máis reducido que o israelí. Se o collemos hoxe pra poñelo embaixo dunha lupa que nos permita axexar o contornos e descubrir raspaduras e feridas poderemos preguntarnos qué opinión lle merecen ós editores a situación que atravesan e as axudas que reciben, por qué dimiteu realmente Manuel Guede da dirección do Centro Dramático Galego, qué o que hai no fondo das indecisións que transcenden do Centro Galego de Arte Conteporánea, cómo vai o Centro Galego das Artes da Imaxe ou o por qué do diferente tratamento aplicado á Real Academia Galega respecto, por exemplo, da Asociación de Escritores en Lingua Galega. E estóulles a falar tan só de institucións que coñezo perfectamente dende os seus comezos de xeito que podo falar delas cun coñecemento de causa que ven avalar o do que está a pasar con elas.

A ministra israelí di que non se atopa a gusto no cargo do que o presidente Benxamín Netanyahu tivo a ben, ela diría que a mal, responsabilizala pois que o que ela quería era ser responsable de algo así como do ministerio de benestar social. Como se a cultura, que sí pode causar certo desacougo a certa xente, non producise o benestar social que ó parecer ela reclama e afirma que conseguiría noutro posto de goberno, Teno ben doado. Con dimitir ten feito.

Teño contado moitas veces, non sei se tamén eiquí, por iso se me repito disimulenmo a anécdota de Churchill cando, en plea guerra mundial, a súa oposición le reprochou –fixoo no Parlamento británico- que o seu goberno mantivera pró departamento de cultura os mesmos orzamentos, ou sexa, idéntica cantidade de libras da que dispuxera en tempos de paz.

Churchill, que tamén era de dereitas pero polo que se ve doutro tipo de dereitas, erguéuse parsimoniosamente no seu escano, coido que sen abandoar o seu habano, e pregúntóulle así como algo sorprendido ó portavoz da oposición: “Ouh, daquela pra que loitamos?”. Cando un país, sexa Israel ou calquer outro, non apoia ás xentes que construen a súa cultura, cando non satisfai debidamente a necesidade de manter a compresión do mundo, o xeito de abranguelo que toda cultura supón, mal asunto porque ese país perdera o norde e se desorientará. Outro día falaremos máis desto.

Te puede interesar