Opinión

Señoritas de dubidosa reputación

Ofinado do meu pai nunca se quixo facer socio do Casino de Pontevedra. Afirmaba, sen un chisco de ironía, que se negaba a frecuentar círculos viciosos. E nunca foi socio de tan sinalada sociedade na que as crases más elevadas da sociedade pontevedresa se daban cita nas festas propicias a todo tipo de encontros...e desencontros.

Pontevedra sempre foi unha sociedade un pouco golfa, moi gardadora das aparencias, afeita a se soltar o pelo nas ocasións propicias. Nada que ver, por exemplo, o tímido Entroido ourensán da segunda metade dos anos cincuenta, coas tan animadas Festas de Primavera que, baixo tal denominación, disimulaban o Carnaval pontevedrés.

En Ourense a cousa limitábase, se ben recordo, a que uns cantos rapaces se atreveran a poñerse unhas caretas –daquelas dun feble cartón que sempre rompía ó tensar a gomiña coa que se pretendía que quedase prendida na caluga- darse unha voltiñas pola rúa do Paseo e volta pra casa antes que fose noite.

En Pontevedra a cousa complicábase co “Baile de Fachas” que non tiña adscrición ideolóxica ningunha e se chamaba así porque a il había que acudir feito unha facha ó ir revestido cun disfraz que fose unha verdadeira trangallada. Pechábase a semana cun baile de capuchóns ó que todo cristo, homes e mulleres, asistía embutido nunha bata negra que chegaba ata os pés e velada a cabeza por un capuchón, tamén negro, que xunto cunhas luvas negras ocultando as mans impedían saber con quén centellas estabas bailando tan apaixonadamente. Máis de un ligou coa súa propia señora e viceversa, cando non co seu veciño do quinto pois a condición humana élles a mesma dende o comezo dos tempos.

En Ourense tales cousas non pasaban. O Liceo éralles un sitio moi serio e coido que o ha seguir sendo, mesmo demasiado serio. Vivir nun sitio e noutro, axexar o comportamento da xente, tan distinto, tanto no Liceo e no Casino como nas praias da Ría de Pontevedra e na fluvial de Oira, a ónde don Vicente Risco afirmaba que conviña acudir calzando zocos que non te illasen das propiedades telúricas que fluían nela, confésolles que constituían toda unha experiencia que aínda permanece fresca na miña memoria coma se fose unha anguía escorrediza e viva daquelas que xa non quedan no Barbaña.

Ourense era outra cousa. É coñecida a anécdota do irmao dun respectable boxeador que pretendeu entrar no Liceo na compaña de dúas señoritas con praza fixa, obtida sen rigorosa oposición, nun dos bares da rúa do Vilar:

-Pero, home, don Fulano, como pretende entrar eiquí con esas dúas señoritas de dubidosa reputación – intentou razoarlle o conserxe.

- De dubidosa reputación? –respostóulle il-. De dubidosa reputación serán as que xa están dentro. Estas sonlle putas.

Ourense era así. Daquela tiña un alcalde que lle daba a benvida ós paragüistas que acodían ó descenso do Miño coas súas piraguas ou saudaba, cheo de relixioso fervor, ó brazo incorrecto de Santa Teresa baixo cuio amparo habería morrer, anos máis tarde, o Dictador. Era un xeneral que, cando era convocado á sede do goberno civil polo seu titular, que só era coronel, vestíase de uniforme e aí se acaba a festa.

Mentres tanto, en Pontevedra a xente ía ó casino e burlábase das catalinas, das mulleres labregas que, chegado setembro ían tomar os baños á praia de Portocelo ou ríase coa resposta que o entón alcalde de Forcarei lle dera ó gobernador civil cando este o convocara, xunto cos seus concelleiros, ó se enteirar de que lle querían plantexar unha reivindicación moi seria dun xeito que se imaxinou alporizado e un tanto desacorde coa súa alta autoridade.

Recibiunos no que se chamaba o salón do trono, púxoos firmes e botoulles o discurso que estimou pertinente, antes de lles deixar dicir nadiña, nen sequer moi bos días teña ustéd señor gobernador civil da provincia. Ó remate da súa admonición interrogou ó alcalde reivindicativo e fero.

- Qué me tiña vostede que dicir, señor alcalde?

Entón o señor alcalde deu un paso ó frente e respondeu:

- Que hai que se ghoder, señor ghobernador!

E deu volta e enfilou a porta de saída de xeito que de aí non pasou a cousa. No fondo os dous sitios viñan sendo un mesmo sitio.

Todo isto ven a conto de que meu pai se negara a frecuentar círculo vicioso ningún e xamais accedeu a se facer socio do Casino de Pontevedra, o mesmo ó que acudía o actual presidente do goberno de España e no que era moi posible escoitar comentarios como o de que alguén se acababa de atopar na barra da cafetería coa perruqueira da súa nai e que había que poñer dunha vez á xente no seu sitio.

Agora non sei se o presidente do goberno de España acudirá ou non ós bailes do Casino, do mesmo casino que o finado do meu pai consideraba coma un círculo vicioso, pero si sei que pretende convencernos de que o conxunto da cidadanía estamos entrando, ou xa entramos de todo, nun círculo virtuoso. Ogallá estea no certo. Pero, de ser así, a min moito sería o que me gustase que nel me puidese atopar con toda a xente susceptible de xenerar comentarios como o que queda reseñado.

Sucede que teño certas e razoadas dúbidas de que tal circunstancia poida ser posible. Imaxinanse vostedes a don Mariano, no baile de fachas, ligando coa súa señora ou co seu veciño do quinto? Eu nin de broma, Don mariano só frecuenta círculos virtuosos.

Te puede interesar