Opinión

Sen sesta por Curro Jiménez

Vivir como eu vivo implica a posibilidade de almorzar cando che pete. A min apetéceme ben cedo de xeito que, en canto da a unha da tarde, xe me poño a elo. Entenderase que, chegada a hora da cea, suceda o mesmo e que, alá contra as oito do serán, ó máis tardar, xa me poño de novo ó choio. Sucede así de luns a venres; logo, nas fins de semana, a historia xa é outra.

Dende hai xa días adoito retrasar un pouco a inxesta, unhas veces, ou adiantala noutras; depende da película da 2 de TVE. A esa hora dan unha de indios e vaqueiros daquelas que íamos ver ó Cine Mari e animabamos as persecucións  dos malos que ían dacabalo mentres berrabamos “hala, artistiña!” ó tempo que patexabamos o chan facendo un estrondo que non sei como nolo permitían. Hai moitos anos desto que lles  conto; tantos que a Franco diciámoslle “o artistiña do NODO”. Os da miña quinta saben de que falo.

Esa película de vaqueiros, permíteme xantar sen ter que prestar moita atención e logo adoita ser ideal pra botar a sesta. Eu son dos que a bota. Non de pixama, paternoster e penico como aseguraba Camilo José Cela que eran as súas, pero si de sillón de orelleiras e mando da tele na man ata que o sentes irse ó chan. Pero tamén axuda o final da película que, case que sempre, implica unha subida do volume de voz a requirimento da publicidade.

Dicíalles hai nada que estes días teño o horario un pouco alterado. Na “dúas” de TVE están emitindo episodios de “Curro Jiménez” e espértame a musiquiña que envolve ós créditos e o feito de que, logo de tantos anos, a serie segue mantendo o interés e atraendo a atención do espectador, neste caso a miña, dun xeito inevitable. Espértome coa musiquiña e manteño a atención ó episodio do que se trate dende comezo ó fin. Será que as emocións dun vello son así de consideradas? Será que a serie, malia a súa simplicidade argumental, está tan ben dirixida e interpretada? Tan acordes música e imaxe? Tan acaída esteticamente cun tempo e unha paisaxe, que conserva a frescura, a calidade e a condición de intemporal na que se debe soster calquera argumento que se prece?

Pois non llo sei, pero por se acaso sigo atento á pantalla. Tamén pode ser que inflúa o feito de ter sido amigo de Sancho Gracia e que, como sucede cos vídeos de agora e as cintas cinematográficas gravadas en Super 8, sexa este un xeito de recordar cousas, de evocar tempos, de recuperar o que xa só é recuperable dende a ficción grazas ó milagre da imaxe conservada e reproducida como agora é doado facelo e antano foi algo máis complicado e máis dificilmente reproducible. Tamén pode que sexa a gran calidade da serie magnificamente dirixida por Mario Camus, entre outros. Non o sei. Sei que dende hai unhas semanas, a miña sesta é máis breve e que, entre esa brevidade e a calor que acompaña estes días, o traballo rende menos. Nótase.

Te puede interesar