Opinión

Os seus ditos os denuncian

O descaro e maila estupidez humana carecen de lindes nos que poder enmarcala a fin de estudala, analizándoa, extraendo dela consecuencias proveitosas pró común da cidadanía. Algo que resulta imposible. Non sei se é certo que Alfonso XIII, aquel rei algo golfo do que se conta que, asistindo á inauguración dun convento, fixo un aparte pra lle preguntar ó prior que, visto o que fixeran co voto de pobreza, lle podería indicar as pautas a seguir co de castidade.

Non sei se é certo que, visitando Ourense e estando a contemplar o manancial d’As Burgas, como se puxera a chuviscar, comentou en voz alta que aquel xeito de chuvia en Madrid lle chamaban calabobos. Un edil municipal daqueles que había antes e aínda os hai agora só que agora se expresan doutro xeito comentou en voz alta que eiquí, como non tiñamos bobos, chamabámoslle orballo.

Vénseme á cabeza este sucedido, con independencia de que sexa certo ou falso, e dáme por pensar o que comentaría tal concelleiro, coetáneo de Alfonso XIII, de estar diante dese presidente de xa non sei que compañía enerxética que chamou tontos a aqueles cidadáns que, levados dunha economía precaria, empuxados polo atraco sistemático a ese tipo de economías, perpetrado impunemente por consellos de administración ben nutridos de ex altos cargos ministeriais, subscribiron o pago dunha cota fixa no recibo pasado polo consumo de enerxía eléctrica.

Vénseme á cabeza, dicíalles, porque eiquí non temos tontos. Eiquí témoslle parvos que ven sendo outra cousa ben distinta. Tamén temos fillos de puta, por méritos propios, conste, pero non sei se esa consideración viría hoxe moi a conto. Así que conste que haber hainos. Quedémonos cun parvo que, por outra parte, é unha categoría certa e igualmente pouco equiparable á de bobo.

Un parvo, entre outras cousas, é alguén afectado de parvicie, de pequenas e reducidas entendedeiras; pero ó tempo pode ser alguén petulante e ignaro, pretensiosamente ocorrente, sempre desexoso de resultar brillante, que a fin de contas e malia os moitos millóns de euros que se pula anualmente, non é máis que un ser de reducidas dimensións intelectuais.

Haberá quen se pregunte como un ser así pode munxir os tetos da vaca pública coa impudicia coa que, calquera deles, porque haber hai máis ca este ó que nos referimos, o ven facendo dende que a Transición foi efectivamente transitoria e no poder, nas distintas clases de poder, fóronse instalado lexións e lexións de persoas que, ó ser tantas e con tanto poder como acumulan, me vou abster de cualificar tal e como penso que se merecerían ser cualificados. Por outra parte non fai falta facelo. Os seus feitos e os seus ditos os denuncian. Son os responsables do que dun xeito ou doutro acabará por afectarnos a todos. Viven ben, iso si, pero a conta de se facer o parvo mentres se rin de nós e nos chaman tontos. O dito, por méritos propios, que non maternos.

Te puede interesar