Opinión

Unha sociedade esquizofrénica

Con altibaixos, acaídos nos pasados once anos, día a día, vin mellorar a sociedade na que nacín mentres desfrutaba dun período de paz do que se diría que sexa insólito. Inhabitual si que ó é, alomenos se consideramos os séculos ó longo dos que Europa non fixo máis que guerrear, e guerrear, e guerrear. Nós non. Axiña se nos foi o empuxe. Algo si que tivemos dese empuxe, foi durante a que nós chamamos a Guerra da Independencia e os británicos que eiquí viñeron botarnos unha man cualifican como a Guerra da Península por considerala celebrada por eles. Xa me dirán.

O caso español ten certos matices que cumpriría non esquecer, No século XV reconquistamos un territorio ocupado por uns invasores que levaban oito séculos nel, de xeito que son non poucos os que a consideran coma unha longa guerra civil sostida baixo a axitación dos sentimentos relixiosos. Logo tivemos outra, outra Guerra Civil, a que durou do 36 ó 39 do século pasado, e, dende entón, xentes da miña andaina (e eu con eles) transitamos pola vida sen saber das miserias da Segunda Guerra Mundial, alleos a conflitos bélicos que nos fixeran saber o que vale un peite. Oitenta anos de vida en paz, vendo como a sociedade milloraba día a día ata que chegaron as hipotecas sub prime e deixaron todo patas arriba.

Agora estamos vivindo de novo eses tempos apaixonados, vendo como vellas feridas nunca ben cicatrizadas se van abrindo ó tempo que van espertando as vellas e nunca resoltas paixóns dun ánimo que xa moitos consideran idiosincráticos e tan nosos, tan nosos, como pra nos permitir calquera outra algarabía. Será a nosa unha sociedade esquizofrénica? Un continuado quítate ti que me poño eu e varro con todo o que fixeches, con todo, mesmo co bo pra que, acto seguido, tras previa exaltación dos sentimentos, xire a roda en sentido contrario de xeito que nunca teñamos a debida memoria que todos os feitos merecen.

Escribindo a respecto da deposición de Luis XVI, rei de Francia, que non foi levada a ramo, substituída pola execución na guillotina do citoyen Capet, o 21 de xaneiro do 1793, opinou Chateaubriand que non tería sido cometida e a posición do pobo francés tería sido outra respecto da monarquía se as Constituíntes que se opuxeron á deposición o fixeran crendo salvar así á coroa… e a perderon; mentres que os que creron perdela, pedindo a deposición, teríana salvado. Case sempre, en política, o resultado é contrario á previsión… ou así o considerou o escritor francés cuxo pensamento, logo de tantos anos, aínda segue a ter vixencia grazas a non poucos dos seus escritos.

Estamos xa tan cerca do 2031 que da medo cotexar os titulares da prensa de hai cen anos e comparalos cos actuais. Diríase que non avanzamos nada. Da medo pensar que a pluralidade informativa que permite o Internet non provoca razoamentos senón sentimentos exaltados que denigran ou ridiculizan as actitudes contrarias en moita maior medida da esperable e lóxica. Hoxe Fraga e Carrillo non poderían aparecer xuntos como apareceron nos tempos da Transición e iso constitúe unha traxedia. Ou non?

Te puede interesar