Opinión

Solucións rápidas que non solucionan

Témolle ás paixóns. Antes as revolucións reprimíanse con certas garantías de que ían ser demolidas, sen maior problema, porque adoito eran consecuencia das paixóns en troques de selo das ideas. As paixóns duran o que duran. Axitan o corpo e os seus ánimos e coma el, coma o corpo, están suxeitas á continxencia; é dicir, son mortais. Ou tal pensaba Chateaubriand que algo de coñecemento ó respecto si que debía telo.

O que non é seguro é que debamos considerar como certo o que Chateaubriand afirmaba que, dun xeito inevitable, sucede coas ideas. Daba por feito que a idea vive, e sobrevive, coma acontece coa intelixencia; de maneira contraria á que aquela, a paixón, pode ser retida por unha forza superior mentres que esta, a intelixencia, e polo tanto unha idea, non pode ser parada. Chateaubriand algo romántico si que o foi. Os tempos que vivimos están a ser abondo elocuentes ó respecto: declinan as ideas, aboian os sentimentos. Así nos vai.    

Vivimos tempos apaixonados. Pode que iso sexa bo pero o máis normal ven sendo que, tempos así de exaltados, consecuencia que son da axitación dos sentimentos, levada a cabo sen maior análise que os ampare, acaben por nos resultar onerosos e ó final concluamos por pagalos caros. Os sentimentos, máis os das paixóns desenfreadas, adoitan saír caros.

En principio é gratificante que, dada unha complexa serie de problemas, haxa quen aporte solucións fáciles; solucións de exposición tan rápida que se diría delas que abonda coa súa e simple formulación pra que os problemas desaparezan de contado. Son solucións de execución rápida, tan rápida que sempre van acompañados de intanxibles, patria, honor, bonhomía, señorío, tradición… todas elas adobiadas de sentimentos procedentes dunha banda do espectro anímico ou, cando o espectro é outro e de progreso, estas tórnanse noutras: creatividade, ilusión, humanitarismo, como se as solucións deberan proceder sempre dun lado en oposición a outro e nunca dunha síntese de ambos.

Son solucións que non resolven o problema senón que se limitan a contentar ou simplemente seducir a un auditorio sensible ós encantos oratorios e que, o que é ben peor, son traídas a colación apoiando o convencemento de que son de execución tan rápida que abonda con desexalas pra que poidan ser levadas a ramo. Logo acaban sempre por ser indixestas, ou sexa, de difícil dixestión. E duran o que duran. 

Aínda hoxe os émulos de tempos que se consideraban idos manteñen que hai unha revolución pendente, a súa, que necesita, primeiro, ser continuada e, despois, concluída dunha bendita vez. O mesmo sucede do outro lado do espello cóncavo que, xunto co convexo, deforman a realidade ata conseguir anulala. Estas cousas hai que pensalas moito. Se chego ós oitenta anos vivindo nas condicións actuais -algo que pode suceder en ano e pico- poderei considerarme un ser afortunado. Tan longo período de paz constitúe un privilexio. Ogallá o consiga porque cada vez o vexo máis complicado.

Te puede interesar