Opinión

Son máis de equinoccios que de solsticios

Solsticio de verán. Non creran que non me costa e que algo aínda me fatiga o ter que escribir verán. Na miña nenez, lendo o cartel que anunciaba a representación de “Miñatos de vran” -unha composición do Mestre Vide, de don Xosé Fernández Vide, organista que foi da catedral, profesor da Escola de Maxisterio, un home pequeno de estatura e bondadosa semblante, ó que recordo con precisión, ese cartel e a súa lectura, afixéronme a dicir e escribir vran e a seguir dicindo miñatos en falando dos “milanos”.

Que eu perciba, non se garda do Mestre Vide e máis da súa obra a memoria que se merecen. Como compositor deixou unha obra importante malia ter que ir tirando indo a tocar o piano solista a un café cantante como o de La Bilbaína e a outros iguais. Sendo organista da catedral, non foi moi do agrado do clero entón reinante. Súmenlle a isto que Otero Pedrayo andou a facer arranxos no libreto da obra e xa me dirán que lles parece. Don Ramón morreu lendo as “Memorias de ultratumba” de Chateaubriand e era de firmes conviccións relixiosas; non tan firmes e estremadas coma as de Risco pero era home de fe ó que non se lle antollaba pecado o feito de axudarse tocándolle ó piano, quede claro, o piano, ás coristas actuantes n’A Bilbaina. O mestre Brage, en Compostela, e Juan Montes non tiveron de proa á clerecía como a tivo Vide. Pero a vida élles así. Mesmo a memoria de Brage e de Montes non está o deteriorada e murcha que está a de Vide. Sómoslle así. Hai pouco morreu Rogelio Groba e xa veremos que pasa coa súa memoria por como se está iniciando a reposición da súa obra que se algo ten (e ten moito) é magnificencia e sentido. Volvamos, canto antes, ó solsticio de verán.

 Propóñoo porque empezo a cismar ó redor da memoria de Parada Justel, por exemplo, e do espallamento e coñecemento da súa obra pictórica e, de seguido, comezan a vírseme á cabeza unha restra de nomes ourensáns, importantes no cultivo das belas artes, dun xeito que pode acabar por me meter en máis xardíns; por caso nos concertos multitudinarios que moito están axudando a varrer memorias das que poderíamos aprender algo. Estes son tempos difíciles. Neles estamos confundindo as comisións de cultura dos concellos e mesmo a consellería de cultura do goberno galego, estámolas confundindo coas antigas comisións de festas e así nos vai todo no inútil empeño de entreter á mocidade de xeito que se desafogue e vaia deixando tranquilas ás institucións pertinentes.

Solsticio de verán. Eu sonlles ben máis dos equinoccios de primavera e outono, nas proximidades da conxunción do sol, a terra e máis a lúa na chamada liña equinoccial de sicixias causantes das mareas vivas xeradoras desa plenitude das máis altas mareas e, ó tempo, dos debalos que traen as baixamares máis fermosas cando coinciden co solpor dun día luminoso e as areas longas amosan os seus tons grises e verdes que, ó corresponder co azul do mar e do ceo, producen unha sensación de serena calma que moito se agradece. E a min váleme unha vez chegado de novo a elas.

Te puede interesar