Opinión

A Tarara, a Parrala e os dereitos

Hai vellas paixóns que non devecen nunca. O maior problema que hai con elas é a dificultade da súa cabal identificación; unha delas, unha desas paixóns que tanto custa recoñecer, é aquela que consiste en se manifestar a favor ou en contra do colectivo e público e, xa que logo e non sei se por ampliación ou se por redución do individual ou privado. Hai unha vella canción, pra min teño que a cantaban nunha zarzuela da que non recordo o seu título nin máis parte da súa letra que aquela que se reduce a “la parrala sí, la parrala no”. 

Digo que o teño pra min, que o digo como se fose certo e que non me arrepinto de proceder tan pouco cauto, pero sucede que non sei por que acabase de me aboiar na tona da memoria un poemiña deses tan de Lorca, don Federico García, que fala da “Tarara sí, la Tarara no”. O caso é que como non ven nada desto a conto do que se pretendía ímolo deixar e así e vostedes dispensen. Tornemos ó rego. Volvamos, pois, a esa paixón que agromou xa na primeira liña do parágrafo primeiro. De quen son os dereitos, das persoas ou dos colectivos?

Nunha desas enquisas que, de cando en vez, cada un de nós facemos, houbo quen me afirmou que os dereitos pertencen ós colectivos e quen non dubidou en adxudicarllos, teimosamente, ás persoas. A Tarara e a Parrala. Imaxinémonos, non é tan difícil,  un parente próximo ou un amigo de ideoloxía fascista. Eu, por exemplo, teño varios desa índole; amigos, uns; parentes, outros. Pra min teño que, individualmente, lles asiste o dereito de pensar como lles pete e mesmo de expresar as súas ideas cando e como o estimen oportuno. Cando menos non serei eu quen llo negue, sempre que procedan con sensatez e certa harmonía cos que teña diante no canto de facer uso da liberdade de expresión e pensamento. A Parrala, sí.

Poñámonos agora a supoñer que un colectivo fascista e, se non queren que diga fascista, digamos que totalitario e, aínda máis, digamos que totalitario de esquerdas, a fin de nivelar a balanza; digamos que un colectivo así entendido estea por facer uso desas liberdades que uns atribúen en exclusiva ás persoas e do que eles fan uso como colectivo anunciando o intento de clausurar as liberdades que son patrimonio do común da xente. Teñen o dereito de facelo ou deberemos considerar que millor ha ser non concederllo? A Parrala, non.

Deberemos recoñecerlle ós colectivos así determinados o dereito que non lle poderemos negar ós individuos singularmente considerados? Non lles sei que poderán estra pensando vostedes, meus escasos lectores, pero practicar a tolerancia cos intolerantes non se me antolla nada ou moi pouco proveitoso. Non se debe, coido eu, ser transixente cos intransixentes e acaso non se lle deba recoñecer ós colectivos dunha índole e dunha condición determinadas o mesmo conxunto de dereitos que deberemos defender sempre en beneficio das persoas. Vivimos tempos de Parralas e, como dicía o recordado Pepe Conde Corbal, o gran pintor da Galicia do seu tempo, hai que estar a velas vir, deixalas pasar e paralas a tempo; non vaia ser o demo. Pero millor non axitar as paixóns.

Te puede interesar