Opinión

Tempos de cumpridas esperanzas

Non me dirán os meus lectores, os que semanalmente chegados os seus correspondentes mércores e domingos buscan esta páxina á que me abeiro, non me dirán que os tempos -estes que atravesamos e veremos se tamén outros- non están como pra sexamos non poucos os que optemos por manter certo estoicismo que pode que ata resulte hixiénico. Eu, por exemplo, leo a Séneca, tamén a Marco Aurelio e, entre eles e máis os epicúreos, coido que me vou hixienizando, mentalmente hixienizando, armándome de defensas que me permitan transitar polo paraño cultural no que de a poucos ímonos somerxéndonos.

O “curioso” é que Séneca xa nos advertiu do que está a suceder cando nas súas “Cartas a Lucilio” (97/1) dille a este: “Equivócaste, Lucilio, se cres que a ostentación e mailo abandono dos bos costumes máis tamén todo aquilo que cada quen lle reprocha á súa época definíndoo como un vicio son propios dos seus tempos. Sonche cousa dos homes, non das épocas: non houbo aínda período algún libre de culpa”.

Que non hai porque preocuparse pode ser, moi doadamente, a conclusión á que chegara Lucilio no seu tempo ó consideralo igual a outros restándolle a parte alícuota de malignidade que, sen dúbida, lle correspondería ós que a el lle tocou vivir. A condición humana, digo eu que pensaría, e tira millas Manolo que queda moito mar pola proa e haberá que navegalo ata chegar a algún porto.

Confeso que a min non me van nin o razoamento de Séneca nin a suposta consideración de Lucilio. Os da miña idade vivimos tempos cheos de esperanza e, en moitos casos, de cumpridas esperanzas, polo que sabemos que tempos como os por nós vividos levan sendo posibles todo ó longo da Historia. Os octoxenarios de hoxe saben ben que en toda a súa vida os tempos foron millorando enchéndoos de esperanza. Toda unha vida vivida en paz, sen unha guerra e millorando día a día, o seu nivel de vida! Un privilexio do que non sempre somos conscintes e, o que é millor, corenta deles vividos nunha sociedade democrática que mesmo nos fixo esquecernos de Séneca ó mesmo tempo que nos incitaba a seguir doutrinas epicúreas…ou así. O caso é que deica eiquí chegamos, ás veces sen saber como. 

Porén, un pouco máis adiante (99.4-5), Séneca tira unha conclusión: “Xa que logo, que teima é esa de se privar do máis seguro de todo? Regocixémonos naquilo que xa temos desfrutado, a non ser que o fixeramos co espírito furado polo que fuxira todo canto recibía”. Pois ben, compracémonos con todo canto levemos desfrutado, pero que esa compracencia non incorpore un furado polo que fuxa todo razoamento que nos leve á non nos preocupar polos tempos que atravesamos e máis por aqueles outros que os van continuar… a non ser que se lles poña remedio. 

Non quere dicir isto que se deba poñer a venda antes da ferida, senón que a ferida xa está feita e non estaría de máis revivir os tempos de esperanza. Logralo é tan posible e propio da condición humana como posible é que, co noso silencio e insolidariedade, propicien os de desesperanza. Cousas ambas propias de condición humana.

Te puede interesar