Opinión

Tras tempos veñen tempos

Uns din que son os deuses os que nos determinan, outros afirman que son os espíritos malignos, os diaños e xente así

Mércores próximo pasado -que é como se dicía antes falando do día de referencia máis achegado ó da data- o mesmo non me expresei debidamente. Houbo quen me entendeu coma un defensor acérrimo da xerontocracia e quen, pola contra, considerou que o que eu defendía era esta efebocracia que nos goberna, se que iso é o que andan a facer. Pois nin unha cousa nin outra. Pra min teño que é mal asunto cando a política e tan só cousa de vellos, como malo que sexa só cousa de mozos; que sexa só cousa das dereitas ou que o sexa unicamente das esquerdas. Se os poderes do Estado deben estar e ser controlados os uns polos outros, a xente nova que administre os bens da cidadanía ten que estar guiada e pola máis vella do mesmo xeito que este debe ser igualmente custodiada por unha nova que lle impida practicar as vellas maldades aprendidas no seu día.

A vida política española é errática como errática é a volta do beodo á súa morada cando xa é o ser día e o asubío do merlo avisa ós animais da noite de que deben regresar ós seus tobos porque empeza a quenda dos animais do día e a vida, ou sexa, a natureza, impón sempre, cando menos case que sempre, as súas leis sen ter en conta as nosas e humanas veleidades.

Acórdanse de cando ascendeu ó trono o actual rei emérito? Chamabámoslle “Juanito el Breve” e longo resultou o seu reinado; e frutífero; dito sexa a risco de que, por dicilo, se me considere monárquico que é algo que hoxe non se leva ou non está ben visto. A verdade é que era novo, non un rapaz, que va, pero si novo. Se hoxe é xa de obra de oitenta e catro xaneiros, daquela réstenlle corenta sete e verán as que lle saen. A min sáenme trinta e sete; ou sexa, un rapaz.

Ó fillo, proclamado rei con corenta e seis aniños, se me saen ben as contas, acaso por non lle poder botar en cara bisoñez ningunha, déusenos por alcumalo coma “el Preparao” desprezando a bagaxe cuxa falta tanto estrañamos, si, estrañamos, en moita maior medida da precisa na actual clase política dirixente. A verdade é que non sei se haberá moita xente que nos entenda. Que é o que nos sucede?

Pois xa me gustaría a min sabelo! Será, pregunto, que a maioría da xente só le aquilo que considera afín ó seu xeito de pensar; ou ó seu xeito de crer, facéndoo de xeito que non é quen de apreciar nin na máis mínima medida as virtudes e os acertos que poidan exhibir os da conciencia contraria. Só así resulta predicible, non me atrevo a dicir que prá maioría da poboación lectora, o que van dicir da política de dereitas o que pensan que debe dicir os lectores de esquerda; só así é entendible que no sentido inverso suceda exactamente o mesmo.

É posible que o presidente Sánchez non cometa más ca erros, según unha prensa, e a señora Díaz Ayuso faga constantes alardes de clarividencia política, según a mesma prensa? E viceversa? Non temos, a penas, cronistas políticos independentes, donos dun criterio que lles consinta sinalar erros e aplaudir logros con independencia de quen os leve a cabo. Temos, en cantidades excesivas, diríase que industriais, cronistas políticos de esquerdas e cronistas políticos de dereitas. E así non se vai a ningures. Así non se chega máis que á confrontación inútil.

A liberdade de prensa é necesaria, claro que si. Non sei a xente nova, pero os máis vellos da tribo quedamos fartiños daquela unanimidade de antano e sabemos das súas consecuencias. Porén no é bo que non nos aproveitemos desa liberdade lendo os xornais contrarios ó noso propio modo de pensar ou vendo as canles de televisión que ridiculicen, deixándoos en evidencia, ós nosos propios líderes políticos porque, algunha vez, algunha razón lles asistirá e resultará hixiénico, mesmo saudable, que así o recoñezamos. A uns e a outros.

Vivimos distraídos da realidade que nos rodea. Ou é que iso só me parece a min e a outros tantos coma min? Estes días ando a ver a serie de entrevistas que Mercedes Milá lles ven facendo ós seus vellos ou admirados amigos, case que todos eles xa uns setentóns de moitos estalos. sete cando menos, véndoas e sentindo reverdecer as vellas inquedanzas, os tempos aqueles de “camisa blanca de mi esperanza” que tan ben cantou (e canta) Victor Manuel. Daquela había xente nova e xente vella no arco político, carcas e afoutados e roxos e vehementes. Xa se sabe que tras tempos veñen tempos e que estes nada teñen que ver con aqueles... pero, recoiro, ó longo da historia sempre pasou o mesmo, tras duns viñeron outros e tras destes veña de novo a empezar. A historia da humanidade é iso. Cada certo número de xeneracións, establezan cada un de vostedes o número delas que prefiran porque este é aleatorio e cambiante, pero inevitable. Os tempos se repiten porque o comportamento humano é cíclico e na condición humana, século tras século, xenera os mesmos erros e os mesmos acertos cunha secuencia que unicamente a intelixencia construtiva dunha xeneración pode determinar. O mesmo sucede cando a determinación destrutiva de outra se empeña exactamente no contrario. Por que? Ah, se o soubera!

Uns din que son os deuses os que nos determinan, outros afirman que son os espíritos malignos, os diaños e xente así. Servidor, disimúlenmo, non lles cre nesas cousas. Síntollo ben. Agora mesmo estaría a darlles a receita que lle puxera fin a estes tempos de impotencia, xa o abondo prolongados como pra desexar que rematen dunha bendita vez. Pero iso depende da vontade colectiva. Atravesamos días nos que “la camisa blanca de la esperanza” necesita un lavado non sei de se conciencia ou se de que, pero desexo vela tendida ó sol, enriba de herba, de xeito que logo sexa totalmente innecesario ter que pasarlle o ferro... que é como se di en galego e como vostedes ben saben, darlle un planchazo que a deixe lisa.

Te puede interesar