Opinión

Terra santa prá muller morta!

Estou preocupado. Veño de ler un espléndido artigo de Manuel Jabois no que, grazas a el, recordei cousas que non é que as tivese esquecidas, é que non as recordaba. O artigo é entrañable, foi escrito aproveitando unha gripe (ese andacio que nos ronda) e recorda nel a un escritor que eu admiro e do que non sei nin lin nada dende hai xa anos. 

Que un escritor fale ben doutro élles tan insólito que ás veces emociona, cal é o caso. Saber de Vázquez Pintor e sabelo grazas a un eloxio feito ó par da valoración da súa impagable obra é un exemplo que, nos anos que mal que ben xa vou calzando, non se prodiga moito. 

Quen me coñece sabe que a miña vida basculou sempre entre Ourense e Pontevedra, ás miñas emocións tamén. Non contan os trinta e pico anos que hai que vivo n’A Maía, a ducia e pico de quilómetros de Compostela. 

A conto dos libros de Vázquez Pintor (recoméndollos ó lector interesado), Jabois refírese a Sabino Torres, outro escritor, autor que foi dun fermoso libro sobre as traballadoras do sexo no barrio pontevedrés da Moureira, alí onde estaba o estaleiro no que foi construída a nao que habería levar a Colón a América; logo remata citando a Rodrigo Cota, autor dunha novela protagonizada por Rajoy, coa que moito me rin no seu momento e tamén cita a Torrente Ballester.

Dende que os autores deixaron de ter a influencia, aquela que lle fixo razoar a Victor Hugo que el a prefería ó poder, a influencia que agora descansa (élles un dicir) nas mans dos influencers (e así lle vai ó mundo) é doado pensar que artigos como o de Jabois só nos han interesar ós do gremio; porén e por conta do citado Sabino Torres vou recordar o que Torrente Ballester, esoutro escritor galego cuxa lectura non é hoxe tan frecuentada como debera, evocou nunha novela: o enterro dunha traballadora no oficio que antes ocupaba á varias mulleres domiciliadas na rúa do Vilar. Aí lles vai o conto:

Chegada a San Francisco a reducida comitiva que a levaba, a ombreiros de catro varudos galáns, non lles foi franqueado o acceso ó camposanto en razón de que, naqueles tempos, non se permitía nel a inhumación de putas, republicanos, ateos e xente así. Entón deron volta e baixaron de novo polo campo das Mercedes sen saber onde ir levando ó lombo o corpo da defunta. Pegou a chover e eles continuaron dando voltas por Ourense adiante e pouco a pouco fóiselles sumando xente ata que se formou unha multitude de centos de persoas, reclamando a berros “Terra santa prá muller morta! terra santa prá muller morta!”, e foron pasando as horas e sumándoselles xente e máis xente á fúnebre procesión ata que, ó pe das dúas da mañá, baixo unha choiva moi competente, pararon diante do palacio bispal sen deixar de berrar a mesma ladaíña que acabou sendo realmente non sei se unha pregaria, ou si unha esixencia. O señor bispo, acabou por autorizar o enterramento da defunta. Sucedeu noutros tempos, neste noso de hoxe suceden outras cousas, maiormente nas redes sociais. Non sei que dicirlles a vostedes cales son da miña preferencia.

Te puede interesar