Opinión

Torrente e a fin de don Quixote

Torrente Ballester, alí onde estea, recordará millor ca min a súa vella afirmación de que os novelistas ingleses teñen sido voraces lectores d’O Quixote, o que explica que sexan tan bos no exercicio do seu oficio; de seguido, don Gonzalo suxería que esa era a razón pola que os máis dos novelistas españois non acadaban a alta cualificación dos británicos, dado o descoñecemento que, esa gran maioría, tiña da magna obra de Miguel de Cervantes.

Torrente debía sabelo ben pois, non en van, escribira a que pretendeu que fose a súa tese doutora, tese que non lle foi admitida no seu momento. A razón? Pois que non figuraba nela a pertinente bibliografía que ó parecer toda tese doutoral debe levar. Doído polo rexeitamento do seu esforzo argumentaba súa inexplicabilidade argumentando que non podía levar a bibliografía reclamada pois era unha obra ex novo, algo sen antecedentes. A súa pequena revancha consistiu en publicala como libro e aí está para quen queira lela. Titulase, o tal libro, “El Quijote como juego”. Cousas!

Eu, que son bastante máis ousado e moito menos versado que don Gonzalo atrevinme, nun traballo de facultade, a matar de cancro a Alonso Quijano, aqueixado dun paliativo de cordura que lle devolvera o sentido común; ese mesmo sentido que, confundíndoo co sentidiño tan a miúdo se nos reclama ós galegos exercentes, pois haber hainos que non o son e non se lle pide nin sequera que lean a don Miguel de Cervantes. 

Wilhelm Reich escribiu que o cancro sobrevén cando un perde o acceso á esperanza e don Alonso Quijano, logo da estadía no pazo dos duques, atacado que fora polo sentido común, deixara de desfacer entortos, perdera a esperanza de xeito que regresa á cordura. E non só á cordura senón mesmo á súa casa sabedor que é de que o que lle agarda é deixar a vida. Así deixa de participar nela, enfurruchase en si mesmo, e así lle vai e así decide irse “pouco a pouco, pois nos niños de antano non hai paxaros hogano”. Desilusionado e consciente do que se lle convertera a súa vida de cabaleiro andante, sentiu como os ollos se lle enchían de bágoas e, se non o recordo mal, logo de que alguén lle bisbara ó ouvido a terrible pregunta de porque choraba se todo o que se di no seu libro era mentira, o vello fidalgo respondeulle que si, que o sabía, pero que o que el sentía era verdade.

A verdade, na tese doutoral dun xenio da literatura ou na mente dun discípulo de Freud non veñen sendo a mesma cousa. Para este os poucos poemas que foron orixinalmente creados nunha época de abstinencia non son de gran interese, iso por unha parte, e por outra se a enerxía psíquica dunha masa de xentes que ven un partido de fútbol ou asisten a un concerto puidera ser desviada ás canles racionais dun movemento de liberdade, resultaría invencible. Para aquel, para Torrente, a verdade contida na vida do inxenioso fidalgo d’A Mancha collía nunha tese doutoral porque contiña unha verdade vital que, querendo ser liberadora, o único que conseguía era ser vencida pola realidade. Pero a vida élles así, unha contradición que dura máis ben pouco e nela, na propia contradición, vai e se nos consume.

Te puede interesar