Opinión

Sobre os touros e a súa literatura

O vindeiro día de San Roque de vai haber corenta anos foi a derradeira corrida de touros que presenciei na miña vida asistindo a ela “en directo”. Seino porque tal día como o citado naceu o meu primeiro sobriño varón. Veu ó mundo mentres eu asistía, en Pontevedra e “en directo”, á celebración de tal espectáculo. Pedín que lle puxeran Roque e non me fixeron caso. Agora teño un sobriño neto que se chama así e ó que non creo que lle dea nunca por se facer matador de touros. Menos mal.

Celebrábanse as corridas durante as Festas da Peregrina e nese mesmo día, había fogos de artificio, nas cercanías da capela de San Roque que segue estando case pegada á praza de touros e era onde seica ían rezar os matadores antes da corrida. Coido que han seguir indo malia o lío que nos organizaron, as autoridades competentes na materia, con isto de cambialos santos de data. Un follón.

Tiña noticia dos touros porque durante as festas do Corpus -aquelas que o bispo Temiño Saez quixo celebradas fora da data tradicional e, grazas a elo, se formara unha boa- había corridas en Ourense. Levábanse a cabo no vello Campo dos Remedios onde montaban unha praza portátil e tamén de xeito que tamén habíaas en Ourense. Eu sabíao porque viñan anunciadas en La Región e Pedro Arcas daba noticia delas sempre dende Radio Ourense. A maiores eu vivía na rúa do Progreso, xusto enfronte das escaleiras que baixaban dende a Alameda do Cruceiro e vía pasar á xente camiño dos touros. As corridas eran algo certamente festivo e non supuñan pra min o que supuxo que, sendo xa de idade dos trinta e oito anos, tanto me impresionara o sufrimento dos animais que me xurei non me volver poñer nunca máis na miña vida en ocasión de contemplar carnicería semellante.

Mesmo as corridas celebradas en Ourense me pareceran unha cousa máis festiva que tráxica, dáme reparo confesalo pero así era. Unha vez que viñera tourear os pobres animais un matador chamado Carlos Corpas, non sei se el ou outro dos matadores non deron matado ó pobre animal e tivo que facelo un garda vil a forza de tiros. Tampouco non sei se nesa mesma corrida ou noutra, as mulas non deran arrastrado o cadáver do pobre bicho e tivera que saír un jeep, tamén da Garda Civil, pra retiralo en debida forma. 

Os comentarios que eu escoitei daquela -estoulles a falar de algo sucedido hai uns setenta anos- lograran que me fixera unha idea, mesmo risoña, dos touros coma un espectáculo divertido. Dunha charlotada daquelas do Bombeiro Toureiro que ás veces eran celebradas contando cun matador do país que se facía chamar Pepeillo de Barrantes. Máis tarde, moito máis tarde, souben que no século XVI celebráranse corridas de touros en Compostela, na Praza do Obradoiro. Entre esa noticia e mailo feito de que vira unha moi fermosa corrida de touros na TVE, unha danza fermosa entre o astado e o toureiro do que xa non recordo o nome, fixeron de min non un defensor de tal festa pero si, en todo caso, alguén medio indiferente ás criticas contrarias a ela. A parte de que non me gustaba nada -e segue a non me gustar en absoluto- o feito de que sexa chamada Festa Nacional; digo eu se sería, ou será, porque me sei membro dunha nación cultural, a nosa, malia que xa sei que non é considerada unha nación política, madía leva.

En resume que non volvín ós touros, nin penso volver, nin sequera contemplándoos a través das pantallas dos televisores. Que asista quen queira que non serei eu quen llo reproche. Tampouco son eu asistente ós combates de boxeo e non por iso deixo de recoñecer como bailaba Cassius Clay, logo chamado Mohamed Alí, por propia decisión. Ou mesmo ós ballets pois me aburro deles non quero confesar canto e iso que vin bailar a unha amiga de Elena Zernova no Teatro Mariinski de San Petersburgo e puiden contemplar momentos dunha insondable beleza plástica pois tan a fondo a percibín. Será, digo eu, que cada un ten as manías que ten e punto.

Pero vou abreviando xa porque do que se trataba era de falarlles doutro extraordinario texto de Manuel Chaves Nogales que ando a rematar nestes días e que me vou permitir recomendarllo. Trátase de “Juan Belmonte, matador de toros, su vida y sus hazañas” no que narra a peripecia vital dun esgrevio representante do chamado Arte de Cuchares. 

Permítome falar del, e falar ben, pese a que tanta capea, capea tanta, tanta corrida e tanto mundo do touro como ó que colle nese libro non me interesan moito; digo eu si será porque non entendo nada del e en min todo é ignorancia ó respecto. Pero o libro, a novela ou se queren a biografía novelada do ilustre matador de touros, estalles tan ben escrita, tan ben tratada a trama argumental que mesmo calquera ser desatento ó respecto como podo ser eu non deixa de se marabillar ante o arte literario de persoa tan singular como foi en vida Chaves Nogales.

É o segundo libro que leo del, logo de que un bo amigo mo recomendara. Está tamén editado por Libros del Asteroide e, se non recordo mal, xa lles falei del ou cando menos si fixen intención de facelo. Aquel trata da Guerra Civil e relata as atrocidades que, dun lado e doutro, foron levadas a cabo grazas á tolería que o ser humano é quen de acadar cando se deixa levar dos instintos máis primarios e asasinos que un pode imaxinar. Este primeiro libro do que lles estou a falar, repito que non sei se por primeira vez aínda que dubide que así sexa; sei que de ser así saberán desculparme, titulase “A sangre y fuego” e subtitulase “Héroes, bestias y mártires de España”. Imaxínense.

A pregunta é a de porque están a saír tantos libros sobre o tema. Será que, na conciencia colectiva, latexa un sentimento que nos leve á reedición e máis á lectura de libros sobre a barbarie e non só a da nosa guerra senón mesmo ás alleas. Hai nada a editorial Anagrama publicou “Guerra” de Louis-Ferdinand Céline; agora está a pique de saír, se é que non o fixo xa e tamén en Libros del Asteroide, “Salir de la noche” escrito por Mario Calabresi encol do asasinato do seu pai por uns terroristas italianos. En fin, cousas. A algo se deberá tal proliferación do tratamento de temas tan intimamente relacionables da cegueira e maila cerrazón humanas que de cando en vez tanto nos aflixen.

Te puede interesar