Opinión

Trump e o que nos ven enriba

Éque xa ninguén se acorda? Vimos duns tempos que, contemplados hoxe, son incribles. Uns tempos dos que estamos a perder memoria. Recordémolos. Nun colexio relixioso de por eiquí cerca baixaban da cociña, agarraban un estadullo dun carro de vacas, regresaban con el e con el remexían as fabas que comerían os internos. Daquela as casas todas aínda se construían de pedra de sorte que as escaleiras que daban aceso ós pisos eran necesariamente de madeira e había que fregalas, senón todas, case que todas as semanas. Fregábanas as mulleres axeonlladas nelas, unha tras doutra e volta a empezas se alguén as pisaba sen nin sequera pedir perdón por elo.

En moitas casas dábanlle cera ós chans e logo había que poñer os pes nunha baetas e camiñar por riba eles coma se esquiaras. Aprendíanche a escribir, se tiñas a sorte da que non todos dispuñan, cunha caneta que no seu extremo contaba cun plumín que ías mollando a cada pouco nun tinteiro ad hoc.

Nas aldeas, en moitas das nosas aldeas, os rapaces acudían á escola levando unhas latas de conservas, daquelas grandes e redondas, nas que transportaban unhas brasas que as súas nais retiraran das lareiras...ou das larizas pois non todas as casas tiñan unha daquelas. Chegados á escola quitaban unha ou dúas brasas e as depositaban no braseiro que o escolante tiña embaixo da súa mesa; logo, dirixíanse ó seu pupitre, pousaban a lata no chan e mentres as brasas quentasen eles as mantiñan entre osa seus pes, xusto embaixo dos pupitres.

Ouh, que tempos! Chegados os fríos destes días, nos dedos das mans, tamén nas dedas dos pes ou no reborde das orellas, agromaban os sabañóns que outros chamaban frieiras. Sempre había quen mexaba nas mans aludindo a que os curaban pero todos estabamos convencidos de que era simplemente pra quentalas.

Por aquel entón, quizás un pouco despois, Ignacio Aldecoa escribía uns contos nos que os barcos levaban laranxas ós peiraos escandinaos: soles, pequenos soles prós fillos das néboas, dicía delas das laranxas, mentres que eiquí se alguén comía unha mazá na hora do recreo sempre podía haber alguén que reclamase o carozo pra il e logo agardaba ansioso a que llo deran o menos mordido posible.

Algúns dirán que estas de hoxe son fabulacións propias do escritor que as firma. Os que así o fagan ou serán desmemoriados ou ben han ser xentes con fortuna e privilexios dende o berce porque ser éralles así en moitas máis ocasións das desexables.

En quinto de bacharelato as rapazas estudaban que o cabeza de familia era o pai e que o era por delegación divina. E que en ausencia do pai a responsabilidade recaería no fillo maior, tamén por delegación da divindade ó parecer en continua comunicación coas autoridades responsables da edición dos libros de Formación do Espírito Nacional.

Máis tarde, chegado xa o 1968 -seino ben porque foi nese ano cando eu casei por vez primeira; daquela, cando era revisable unha cadea perpetua pero non un matrimonio- se a esposa quería abrir unha conta corrente nunha entidade bancaria tiña que contar coa aprobación do seu home. O mesmo sucedía se necesitaba un pasaporte e, se herdaba, quen manexaría os bens herdados non sería ela senón o seu ben amado esposo. É que xa ninguén se acorda? Nun colexio de monxas no que eu din clases as alumnas duchábanse unha vez por semana... vestidas co camisón e durante un tempo que duraba o que dura rezar un credo.

Vimos duns tempos de oprobio. Nas páxinas deste mesmo xornal recordo contemplar as fotografías nas que unhas mulleres da Unión Soviética, malamente vestidas, aparecían picando pedras como exemplo do mal que alí vivían. Non puiden evitar recordar as que eu vía en Pontevedra picando pedra pra facer o morrillo co que se lles daba algo de consistencia ás pistas de terra que durante tanto tempo nos levaron ás nosas aldeas. Acordase alguén dos rapaces das piñas? Gabeaban polos toros dos piñeiros arriba coma se fosen monos e logo vendíanas polas casas pra que con elas fosen prendidos os lumes nas cociñas de ferro das casas que contaban con elas. Nas rías non era difícil ver ás xentes andando descalzas. Éranlles uns tempos tan distintos destes que neles diciase da xente sen recursos: "Probiños, non comen outra cousa que marisco".

Ogallá non regresemos nunca a eses días. Dígoo así, tan "llanamente", porque ó longo da historia xa se teñen visto retrocesos semellantes, séculos de luz e séculos de escuridade, días de farturas e días de fame e de miseriastantas que hai que pensalas todas... pese a que poida doer e doer doa se uns as pensa e as considera. 

Hai meses escribiuse eiquí que o futuro do mundo podería oscilar entre o neoliberalismo de Trump e o capitalismo de Estado dos chinos e que ningún dos dous se nos ofrecía desexable ós nosos ollos europeos, ós nosos ollos de españois, cidadáns de democracias indubidablemente perfectibles, seguro que cheas de defectos, pero a todas luces preferibles a ese mundo no que o individuo ten que ser e estar sometido ó Estado, a ese monstro xeralmente despiadado.

O que está a suceder, a situación social dos Estados Unidos de Norteamérica, pon os pelos de punta e ofrece presaxios sobre os que é necesario reflexionar a fin de afortalar as nosas propias institucións. O feito de que todo un presidente dos EEUU non condene a ocupación do Congreso e de que ese presidente conte eiquí con seguidores fieis das súas extravagancias, pode darnos unha seria idea do que se nos pode vir enriba en prazos máis ben breves que, sen dúbida, a propia pandemia que estamos padecendo aceleraría agravándoos e agrandándoos a velocidades de vertixe e mareo. Recordemos pois de onde vimos e fagámolo de xeito que os que non os viviron poidan visualizalos e sentilos cos mesmos estremecementos que sentimos aqueles que podemos recordalos. Vainos moito nesa empresa. Por elo será oportuno recordar as palabras de Salvador de Madariaga: "Son liberal porque creo que o primeiro é a liberdade. Son socialista porque creo que hai que velar sempre porque as liberdades individuais non se exerzan contra o ben común. Son conservador porque estimo que sen un mínimo orden non pode haber nin liberade nin xustiza". Pode que algo nos axuden.

Te puede interesar