Opinión

Un milagre sen pagar

Hai un días foi San Blas; ou era San Blas poisque cos cambios habidos hai uns anos calquera sabe onde o puxeron agora. Pero antes si que o era, ou iso recordo eu. Dende moito antes de que tal día chegara, a miña avoa Rexina amosaba a grande preocupación de que a súa filla maior, a miña tía Carmiña, chegada a data, non me puidera levar á capela do Santo Cristo, tan fúnebre e ó tempo tan fermosa porque alí había un cordonciño, ou varios, que estaban ó pé da imaxe do santo, dos que ela collería un e poríamo ó redor da gorxa pois seica era o santo moi avogoso pra os temas das anxinas.

Tan convencido quedei eu da avogosa intercesión do santo e máis da eficacia do bendito cordonciño, que nunca padecín amigdalite ningunha na miña vida... ata que me veu o descreimento sendo xa de obra de vinte e nove anos. Sucedeu que nunha consulta médica ordinaria, xa saben, andaba o andazo da gripe en marcha, o galeno mandoume abrir a boca, introduciu nela un espéculo co que se entretivo en furgar nos meus adentros farínxeos e sacouno axiña cunha especie de paparrote branquecino que me deu a ulir. Ulino. Cheiraba que fedía. "Coño, díxenlle, laveime ben os dentes antes de vir e onte non cenei pescado".

O galeno retirou aquilo de a rentes dos meus nafres, sorriu cheo de sabedoría e díxome: "Peixe? Pus, é pus! Anda pra aí!" indicoume. Senteime nun taburete, apoiei o lombo contra a parede, según el me indicou, e mandoume abrir de novo a boca. Entón meteume nela outro ferranchiño cunha especie de garfos retráctiles que agarraron unha das miñas amigdalas entre eles mentres el facía un lazo cunha especie de sedal, coma unha tanza das de ir de pesca, deslizábao todo ó longo do tubo e, cando o tivo na base da miña amigdala, tirou dos seus extremos estrangulándoma pola súa base. 

A primeira arcada que me deu, serviu pra poñelo roxo sanguento, poñelo tamén a maldicir en arameo e a proceder de contado coa miña segunda amígdala, tamén sen anestesia ningunha e sen moitos máis miramentos que os que tivera coa primeira. Pasei uns días de sanatorio nos que sentín arder a gorxa, desexando deixar baixar por ela unhas ostriñas que ma refrescaran, de xeito que, ó día de hoxe, aínda conservo tal tendencia e procuro conservala acudindo, en canto podo, a Pepe do Coxo, na beiramar da ría de Noia, que un lugar que lles recomendo a todos cantos de neno foron levados á historia esta do cordonciño de San Blas.

Dende entón manteño eu certa desconfianza cara os milagres atribuídos ós santos e os ritos pertinentes. Quizás por iso aínda non lle levei ó San Benito de Allariz o litro de aceite que lle ofrecín se me facía desaparecer as verrugas que adornaban os meus dedos sendo neno. Desaparecer desaparecéronme, pero aínda non lle levei o aceite. Penso que mentres espera por el non se vai volver atrás no seu milagre. Anxinas non volvín ter, pero farinxites nin lles conto.

Te puede interesar