Opinión

Por que uns si e outros non?

Antonte seguín lendo a Schnitzler. Fíxeno en razón dun costume que non me ven imposto por confinamento ningún que non sexa o da miña vontade e o do meu propio ánimo. Quero dicir que vivo e o fago tan a gusto como non todos han ser quen de se imaxinar. A vida estáseme indo, dende hai xa moitos anos, en ler e escribir, en escribir e ler de xeito que -agora que xa son vello e nin sacho na horta nin navego polo mar, nin voo polos aires enlatado na fuselaxe dun avión- se deba admitir como normal o que a miña vida me aporta; é dicir, lecturas e lembranzas cando non as dúas cousas ó tempo. O futuro nunca foi pra min máis ca o presente desexado e agora ese presente xa o debuxan dúas liñas converxentes. Feito este alarde de optimismo, prosigamos.

Dicíalles que antonte seguín lendo a Schnitzler, así que voume permitir botar man del novo e reproducirlles un paragrafiño seu que se me antolla oportuno e mesmo ilustrativo do que non sei se sabería explicarlles, ben explicado, o escrito mércores pasado; di así: "o que determina o ambiente dun país é sempre e por forza a política, non a ciencia nin tampouco as artes. A política é un proceso continuo, que pende constantemente sobre as nosas cabezas, como pender pende o horizonte; está aí, queiramos ou non queiramos velo, o mesmo que aí está o clima, malia que non faga frío nin ameace tronada".

Pra min que razón non lle faltaba. A política sempre está aí, el sóuboo ben. Era xudeu e sentiu moitas veces ó longo da súa vida o irreprimible desexo de preguntar: "Por que non queredes coñecernos?" El así o confesa, case que ó pé da letra e tal e como eu acabo de transcribilo, o caso é que a política sempre estivo aí, tamén pra el.

Estes días volvemos andar a voltas coas hexemonías lingüísticas, que se o castelán, coñecido tamén como español e hexemónico en medio mundo, está desaparecendo de Galicia e que se o galego e que tal e que sei eu. A política segue aí de xeito que eu sinto o irreprimible desexo de preguntar: por que non queredes coñecernos? Resúltavos tan molesto que falemos en galego que vos tendes que inventar unha tendencia que é xustamente o contrario do que está a suceder en realidade? 

A realidade é que o galego está retrocedendo. Faino pese a que leva trinta ou corenta anos ó longo dos que a nosa sociedade ten contado co maior número de instrumentos útiles pra proceder con eles á conservación e asentamento do sei idioma máis secular; máis enxebre e propio. Sen embargo non so o seu uso devece senón que mesmo a súa singularidade desaparece. Que lle queda de vida, medio século?

O galego conta con cadeas de televisión, emisoras de radio, editoriais e institucións dedicadas por completo ó traballo de puír e da brillo non só ó idioma, senón ás diferentes consecuencias do seu uso. Dende o ensino en galego, ata o apoio ás diferentes opcións artísticas e culturais levadas a cabo nel, nunca o noso idioma máis ancestral e propio, máis enxebre, puido ser contemplado coa dedicación e o mimo cos que o leva sido nestes pasados corenta anos. 

Pese a todo elo a nosa sintaxe está deturpada, o noso léxico diríase que desaparecido en combate, a fonética que nos distinguía esfumada mentres que, a maior parte dos rapaces que estudan o galego nos diversos graos do ensino, mantéñense alleos por completo ó seu uso. E agora veñen dicirnos que o castelán está en retroceso en Galicia e corre o perigo de desaparecer? Están de coña? A política sempre está aí, por un lado, e, por outro, os que así a fan, non queren recoñecernos; tanto traballo lles costa.

É bo e útil que teñamos o castelán como lingua franca. Pero no século XIII o galego xa era lingua de cultura, e iso foi bo pra Galicia e pra España, e agora non é malo que os galegos teñamos dúas abeirándoo ó portugués. Pola contra ven sendo algo máis complicado que nos acollamos á norma andaluza que, ós máis de nós, nos impide entender nada cando un gaditano ou unha Paz Padilla nos falan nese idioma apocopado que eles con todo dereito usan. 

É que a política española, esa que sempre está aí, esa que leva séculos estándoo, entende que España é tan só, sol e touros, flamenco e Semana Santa? Por que uns si e outros non? Andarán a regresar os tempos de camiñar polo "Imperio hacia Dios". Hai que dispor de moita fachenda pra facer afirmacións como a que se comenta e aplicar políticas tendentes a unha hexemonización indesexable. Moitas veces preguntámonos e mesmo chegamos a deducir que algo estamos facendo mal, nós os galegos; e ó millor está chegando o momento de partir do feito de que algo ou moito é o que están a facer ben dende as instancias centrais da que debera ser unha patria común e de novo volve ameazar con non selo. Que pretenden? Que reaccionemos? Castelao xa deixou aviso de que os arredistas non somos nós, senón que o son eles.

Ó millor hai que comezar a pensar que hai países, non máis grandes que o noso, que contan con dúas linguas e con dous parlamentos sen máis tensións que as lóxicas e mesmo necesarias; e que hai outros nos que falan o idioma propio e máis o inglés como lingua franca e que non está de máis que nós poidamos facer o mesmo. Houbo un tempo no que parecía que o penúltimo Borbón reinante comezaba a ser El rei de todos os españois, moito máis que El Rei de España, ónde van eses tempos que foron de concordia e de esperanza, eses dous sentimentos que agora de novo están a ser negados. Non se constrúe o futuro, cando menos o común, con falacias como a de que o castelán corre perigo de desaparecer en Galicia. Agás que o que se pretenda sexa que reaccionemos e tomemos cartas no asunto. O tempo volvera ser mestre de todos nós; deles, se así o queren, e tamén noso.

Te puede interesar