Opinión

Voltaire, o Don e o Sil

Xa non recordo ónde comentei, hai uns días, que houbo un tempo no que nos artigos que escribo prá prensa, e levo case que toda a vida facéndoo, enredei non pouco a conta dalgúns dos cans que uns tras doutros sempre me acompañaron. No caso que recordei eses cans eran o Don, un mastín sentencioso e pousón, e mailo Sil que foi un cocker, rebuldeiro e sagaz, ó que en mala hora permitín que lle puxera enriba a súa man pecadora un veterinario que lle extraeu ata a derradeira gota do seu fluído vital (pra comerciar con el, claro; o Sil éralles de moi boa familia) converténdoo non sei se nun eunuco canino pero seguro que nun despistado chegada esa hora, coido que feliz, de lle por diante unha cadela cachonda, xa saben pra que. 

Non se me alporicen, cachonda é a condición ou o estado que indica, no máis puro, no máis prístino idioma cervantino,   a situación de receptividade coital dunha cadela que, fóra a alma, nesas ocasións non se diferenza moito dos demais animaliños de El Señor que poboan o mundo que habitamos. O caso é que o Don falaba con aforismos schopenhaureanos, mentres que o Sil facíao coas áxiles e por veces algo lizgairas sentenzas volterianas.

Remexendo vellos papeis, pois padezo digamos que un literario síndrome de Dióxenes que me leva a acumular papeis e papeis, estean estes impresos en follas de libro ou o fagan en papel de periódico, remexendo vellos arquivos, atopei cunha profunda reflexión feita polo finado do meu mastín aconsellando ó tamén defunto cocker que non esquecese que, pra andar polo mundo, é oportuno levar con un unha grande cantidade de cautela e máis de indulxencia pois, coa primeira, protexémonos de danos e perdas e, cosa segunda de discusións e controversias.

A alguén non se lle debeu antollar moi de recibo o aforismo de Schopenhauer que interveu de seguido refutándoo en termos que non vou reproducir eiquí. Pra qué se penso que, xa que non cauteloso, pretendo ser indulxente? O caso é que non fun quen de me reprimir e, de seguido, o Don volveu a se expresar de modo conveniente advertíndolle ó Sil que, falando en xeral, os sabios de tódolos tempos dixeron sempre o mesmo, mentres que os necios, os aparvallados, tamén de tódolos tempos -ou sexa a inmensa maioría- tamén fixeron sempre o mesmo, é dicir, todo o contrario do que aqueles afirmaran. E así seguirá a ser no futuro, concluíu o Don moi  satisfeito da súa elocuencia e de si mesmo, naturalmente sen citar a Schopenhauer; faltaría máis.

Daquela veume coma anel ó dedo o que, grazas a Voltaire, puxen en boca do Sil pra respaldar o que o Don subscribira: Nous laisserons ce monde-ci aussi sot et aussi méchant que nous l'avons trouvé en y arrivant que máis ou menos quere dicir que deixaremos este mundo tan ruín e tan cruel coma o atopamos. Non creo que sexa ou implique ningún tipo de consolo.

Ouh, Voltaire! Ónde vai o Sil pra que agora me puidese botar unha man axudándome encher o espazo baleiro que resta dende eiquí deica o punto e final que redondee (é un falar) esta miña dominical homilía laica. O Sil morreu de vello, sendo cego e xordo, pero movéndose pola casa e pola horta coma se non o fose. Sería grazas ó olfacto? Algúns din que sí, que cada curruncho e cada ser dispón dun olor que o define e, algúns, mesmo falan da aura que identifica ós seres nimbándoos de xeito que os converte en inconfundibles. Percibiría o Sil esas auras? Traeríallas o vento?

De feito o Sil era moito máis avispado que o Don, tan leal este coma rebuldeiro e algo galopín aquel. Chegou a se identificar tanto con Voltaire que, non sei cómo, acaso fose a través dun soño, un día (aínda non sei coimo) avisoume de que non existira realmente a autenticidade ata os tempos nos que as gacetas e mailos xornais, contradicíndose os uns ós outros, deron ocasión a que examinásemos os feitos pra que, acto seguido, puidésemos discutilos ata ir deterxendo a verdade que tantas veces ocultan uns mentres outros a sinalan.

Está ou non está a ser así nestes nosos e pandémicos días, que o son non só grazas ó covid 19, coñecido de solteiro coma o corona virus, senón tamén á similitude e coincidencia de tanta prensa escrita como dixital, televisiva o radiofónica, unha vez chegada a hora de sinalar feitos concretos referidos ós moitos males que nos coutan e non redimen senón todo o contrario?

Está habendo demasiada unanimidade e, tal e como esta se produce, será bo, ou polo menos oportuno, recordar o que Voltaire lle indicou a Federico de Prusia, o mesmo e ilustrado rei que lle dispuxera ó escritor unha habitación no palacio de Postdam, emperifollada e chea de follas e paxaros de ferro forxado, loros e outras exóticas aves; díxolle: correspóndevos a vos destruír ó infame político que converte o crime en virtude pois a palabra político significou en tempos, na súa primitiva orixe, cidadán e hoxe, grazas á nosa perversidade, chegou significar o que engana ós cidadáns. Devolvédelle, Señor, o seu antigo significado.

O problema é que morto o Sil, e tamén os que o sucederon, os cans que teño agora, malia seren pastores alsacians, non creo que se atrevan a se dirixir a ninguén con tales consideracións, eu dende logo non o faría... á parte de que non sei se saberían a quen facelo, pois é así e non dou-

tro xeito como andamos.

Te puede interesar