Opinión

Xente cunhas ideas e outras

Escribiu Risco, falando do relativismo que profesamos os galegos e que tanto se nos afea por parte dos posuidores de inmarcescibles verdades que proclaman os habitantes doutros ámbitos xeográficos, escribíu Risco, dicíalles, que cando eses íncolas buscan a beleza nas súas terras, sendo estas como son, tan áridas e secas, como efectivamente son moitas delas, cando tal fan, adoitan levantar a ollada ó ceo e alí atopan a Deus. Concluía, se o recordo ben, que iso era así mentres que nós, ó ter unha terra tan fermosa, non precisamos erguer a ollada pra contemplar ó ceo e iso axudanos, non pouco, a ser como somos.

Don Vicente dicía o anterior dun xeito non tan rudimentario coma este que acabo de lucir eu e facíao sendo como era el un crente posuidor dunha ferreña fe en Deus, pero que en todo caso poñendo en evidencia que, nós os galegos, por algo dicimos que Deus é bo, pero que o demo non é malo e que hai que lle prender unha vela a Él e ó tempo outra máis a este e que por algo os nosos paisanos lle respondían ó predicador George Borrou que se non crían na relixión verdadeira como raios ían crer nunha falsa.

Risco era moito Risco e constitúe a demostración máis palpable de que, se un país é un constructo, sempre o é en consecuencia de que pra construílo sempre se precisou xente dun lado e doutro, dunhas ideas e doutras, e que o peor que podemos facer é ignorar a uns en razón da fe que profesen prescindido deles e aceptando calquera outra fe malia que non sexa precisamente relixiosa. Por iso é necesario non prescindir nunca de ninguén. Nunca. Agás, claro está, dos totalitarios e dos intransixentes, que haber hainos, vaia se os hai.

Como somos ou como seremos realmente os habitantes desta fisterra atlántica cando, unha vez máis, é quen de producir (a estas alturas da Historia) xentes dispostas a atravesar o océano valéndose dos mesmos instrumentos de navegación dos que Colón se serviu pra chegar a América? 

Estou a me referir ós mariños que, a bordo dun veleiro chamado “La Peregrina”, anda estes días polo mar maior, polo mar de fóra, só por saber se son quen de aceptar un reto, o Reto Astrolabio, valéndose dun trebello así chamado que de algo halles servir, pero non de moito máis do que se van ter que valer da súa intuición e máis do seu coñecemento do mar e dos distintos xeitos que este ten de comportarse.

A conta deles ando evocando os tempos nos que eu cruzaba o océano e parangonaba a súa grandeza coa pequenez do ser humano. Foi iso o que me devolveu o recordo de don Vicente, o que afirmou que, se nos din que Galicia é moi pequena, debemos responder que Galicia é todo un mundo, ocupado por nós, empregados que estamos nese constructo que todo país é ou que todo país debe ser. Aínda seguimos sendo unha nación cultural e se non loitamos por continuar séndoo, se non loitamos por manter a nosa noción do mundo e do noso xeito de ocupalo xa me dirán por que centellas deberemos facelo. Aceptármonos como somos… que cousa tan difícil resulta ser esta!

Te puede interesar