Opinión

No xurado e no mar, millor non destacar

Como xa vou algo maior, é dicir, como xa vou cumprindo anos abondo como pra me permitir algún luxo que antes non me permitía, agora, cando levo lidas medio cento de páxinas dun libro -maiormente dunha novela- como vexa que a súa lectura non me está resultando gratificante, dou por concluída a súa lectura, péchoa, e tal día fará un ano. 

Hai excepcións, claro que si. Pode suceder que, á volta duns anos, volva sobre ela e me marabille, pero así que eu recorde agora pasoume co libro de Julio Cortázar que contén as súas Historias de Cronopios y de Famas que, pasados cinco anos do primeiro e fracasado intento, acabou por se me antollar un gran libro. O caso é que, cando era máis novo, cada vez que comezaba a ler un libro non era quen de abandonalo ata ter rematada a súa lectura completa. Pensaba que o millor se endereitaba e ó seu remate todo casaba, e mesmo resolvía e clarificaba os que a min se me antollaran erros iniciais.

En virtude delo sigo lendo ata o remate tan só as novelas que compiten nun xurado do que eu forme parte pois esa élles a outra excepción á que me refería. Recoñezo que, ás veces, cústame moito traballo; porén antolláseme que é o mínimo respecto que se lle debe a quen ten a humildade de someter as súas creacións ó xuizo doutros escritores ou doutra xente do seu gremio dado o panorama que amosa ó noso mundiño literario, onde toda perversión pode ser posible.

Cando eu era mariño o peor que podías facer, caso de navegar en pesqueiros -cousa que eu nunca fixen- era destacar pois o que sobraban eran capitáns que, prevendo que nuns poucos anos os desbancasen, non informaban favorablemente a aqueles oficiais que sobresaísen entre os seus tripulantes. Non todos eran así, iso seguro; pero tamén seguro que algúns si que os había. Pois nos xurados literarios tamén. Ou que pensaban?

Todo isto venlles a conto de que xa levo lidas cento e pico de páxinas da última entrega de Xelís de Toro que, baixo o título de “Etceteramente”, nos ofrece a través de Edicións Xerais, na súa colección de narrativa. Lévoas lido con devoción atenta, tan ben se le, tanta imaxinación e intelixencia construtiva aplicou o autor na súa escrita. Non sei que pasará co resto que me queda por ler, unhas trescentas páxinas máis, pero o que levo lido -esas cen páxinas ás que me remito- xa xustifican a inversión dun xeito acorde cos tempos que vivimos. 

Xelís non é, eiquí non o parece, un historietista ó uso. Xa non o era na primeira novela que lle lin hai delo xa uns cantos anos. A escrita dunha novela implica a creación dun cosmos, dun universo equilibrado e harmónico, e o que consigue estoutro De Toro literato é ir construíndo varios deses universos, cal demiúrgo quen de se instalar nunha creación entolecida ata que ó final, eses mundos coincidan non me atrevería a dicir que nunha galaxia coñecida, pero uniforme a harmónica na que todo ten sentido. Espero rematar axiña a súa lectura e poder contarlles a vostedes que, efectivamente, se trata dunha excepcional novela que lles ha pagar a pena de ser lida.

Te puede interesar