Opinión

Don Alberto é a súa circunstancia

“Yo soy yo y mi circunstancia, 

y si no la salvo a ella no me salvo yo” 

(José Ortega y Gasset, Meditaciones del Quijote).


Se Ortega tivese que aturar a inoportuna inconveniencia de ser contemporáneo de don Alberto, atoparíase ante un irrefutábel axioma que o obrigaría a voltear a súa célebre frase; e ao mellor formularía así: Eu son a miña circunstancia e eu, e se non me salvo eu, non a salvo a ela. Claro, a circunstancia tamén sofrería un significado distinto.

E, aconteceu o que tiña que acontecer. A comezos de setembro, don Alberto sufría aquel inaudito ataque de ansiedade. No canto de poñerse teso, saíu do Senado refungando e fincando o papo no peito; arrepentido, como se acabara de confesar un pecado que nunca cometera, despois de que o monclovita lle chamara o que lle chamou, tantas veces como vidas ten un gato. O substituto dun ex alumno do colexio Elías Ahúja, que hai un ano non tiña reparo en facer constar no de-ene-i que nacera nos Peares, foi adestrado polos seus asesores para que, pasara o que pasara, debía limitarse a poñer cara de circunstancia, aínda que os agravios de Sánchez lle abrasaran as illargas da alma. O resto–dixéronlle– xa o resolve o novo looc que puxemos en marcha para agocharche a facha de pailán do noroeste. Unha chisca de modestia no topete e unhas gafas de profesor interino de Valores Éticos serán dabondo para distraer ao respectábel público. (E el pensou: Vaia paradoxo!)

Mais, don Alberto acovárdase. Segue atrapado por un pretérito imperfecto porfión do que non pode fuxir: a circunstancia. Pode renegar da lingua, facer como se non souber contar cando lle pregunten pola débeda galega, tratar de convencer á peña de que nunca recortou os orzamentos da sanidade e da educación; mais non poderá ignorar a circunstancia que o pexa completamente. Un carrapato que lle aperta a gorxa, que o obriga unha vez tras outra a meter a man no peto interior da americana –ese que está tan preto do corazón–, agarrar a carteira, abrila, mirar con cara de nostalxia a estampa onde aparece retratado con Marcial, bicar a do abrazo co de Iberdrola na Praza do Obradoiro e, aproveitando que a lúa sempre se eterniza no cuarto minguante, poñerse a argallar “feixoadas” como un obseso. 

Entón, escribe un whatsapp para Moreno Bonilla, coa orde de rebaixarlle os impostos aos ricos e, de seguido, agóchase na escuridade da bocanoite e cítase co xefe de Vox nun hotel das aforas de Madrid. Menos mal que, malia a dozura da intimidade, non houbo sexo. De momento. O que seica houbo foi feeling: “Santiago, este é o comezo dunha gran amizade”, din que lle dixo o ex galego que quería vivir en Madrid ao camarada da italiana Giorgia Meloni, emulando a Humphrey Bogart na película Casablanca. Xuntos faremos grande a España. Primeiro acenderémoslle unha candea ao Cristo Redentor de Rio de Janeiro, para suplicarlle que deixe gañar a Bolsonaro en Brasil e despois distraeremos aos incautos, sementando anacardios nas poulas estercadas polo franquismo, malia sabermos ben que neses páramos tan agrestes só poden medrar os aguzados escambróns que desangran as liberdades e devalan os dereitos conquistados. Maldita circunstancia!

(Ao meu tío Lisardo non lle chista a clase de individuos que renegan acotío da súa circunstancia, para deixarse imbuír polo autoodio, ata descastarse sen remedio.) 

Te puede interesar