Opinión

A muralla 
infranqueable

“Acho tão natural que não se pense/

Que me ponho a rir às vezes, sozinho,

Não sei bem de quê, mas é de qualquer cousa

Que tem que ver com haver gente que pensa...”

(“O guardador de rebanhos”,

Alberto Caeiro -heterónimo de F. Pessoa-)




As eleccións do outro día - xa non lembro a data-, talvez foron convocadas para elixir o Parlamento europeo. Talvez haxa moitos que nin sequera se decataron de que houbo eleccións o outro día. Mais o que si parece certo é que estes comicios veñen de debuxar en tecnicolor, a tamaño natural e en papel timbrado, a grotesca estampa que representa fielmente o coiñal de artimañas, burradas e atropelos argallados polo “Dúo Estático” que hai tempo formaron PP e PSOE, obcecados en desbaldir o apoio maioritario e incondicional da cidadanía; empeñados en alterar a orde natural das cousas, coa única finalidade de causarlle gozo a unha trullada de revirados que gastan o tempo plantando toxos arnais nos espazos vitais da xente do común, a fin de non deixar medrar o pasto que lle permitiría exercer a súa condición de cidadáns.

Unha vez máis, a actitude do Partido gañador de tan extravagantes eleccións, cuxos estrategos políticos empregan a astucia en fabricar maseiras para azacotar a desolación social, contou –como vén acontecendo nos últimos tempos- coa incondicional colaboración dos compadres que ocupan o segundo posto no podio da inopia, empeñados en bailar o arrimado cos anfitrións da festa, por mor desa obsesión inconfesable de ulirlle o pescozo, ata deixarse enfeitizar pola fedorenta fragrancia que obstrúe as pituitarias das liberdades e dereitos conquistados, para contribuír de balde a que o respectable público sexa cada vez máis súbdito e, consecuentemente, menos cidadán.

Pois iso. Haberá que seguir apertándolle a gorxa á perversa teimosía das dúas principais formacións políticas, que tanto suan para domear á veciñanza e lle esmoucar os dereitos esenciais sexan da xente ou dos pobos-, para tratar de converter a democracia nunha especie de rito no que, uns cantos devotos dos partidos maioritarios, se desprazan en procesión a depositar a papeleta que axuda a bendicir o que previamente determinaron os os donos do chintófano. Daquela, hai quen pensa que a insubordinación política que comeza a asomar o fuciño debería perdurar ata rebentar as cinchas que, para amansar á xente normal, seguen a tecer os dous partidos simbióticos que tanto se odian e tanto se aman. Velaí o primeiro remedio para conseguir que os do “no sabe/no contesta”, os que pensan que a política só é boa para os que viven dela, se reduza a porcentaxes razoables.

Ah! Recibín unha insólita carta do meu tío Lisardo que parecía un telegrama. Só decía: A maioría de varios non saben o que traen entre as mans! Debería caerlle a cara de vergonza!Deus nos libre dun "xa foi"!

Te puede interesar