Opinión

A terra quere xente

Leváronme nantronte os pasos perdidos dunha tarde de folganza cara as terras encostas de San Clodio co fin de testemuñar sen miradas intermedias a festa maior que as xentes do Ribeiro conmemoran, alén da celebración popular da Feira do Viño, como é a entrega anual dos recoñecementos individuais e colectivos que dende hai oito anos concede a Denominación de Orixe desa terra.

Cando os meus pasos -sexan ou non perdidos- transitan por esa bisbarra resúltame imposible non facer confrontación de ideas comigo mesmo sen ser quen de chegar nunca a un acordo, ó sopesar ese mantra comunmente aceptado pola veciñanza e que afirma con frecuencia que o Ribeiro está en permanente estado de catarse social e económica, fronte á evidente vitalidade rendataria que asoma por todos e cada un dos bacelos -hoxe verdes intensos e monocromáticos- que se anuncian a unha beira e outra beira da carretera.

Eu, que son dunha terra rica en granxas fantasma, prados comestos pola foresta e hortas ermas, sen outra actividade económica cá das pensións agrarias e autónomas, e algún que outro “forrollo” de emigrante americano ou europeo, non dou acreditado niso e, por máis que trato de asumir o discurso que me transmiten e intento ver a botella medio baleira -como me din que está os que son de alí-, a nada que fago unha mínima comparanza coas miñas terras de Celanova e da Baixa Limia non podo máis ca sentir unha san envexa, coma a que sentín onte pola tardiña cada vez que vin subir ó estrado dos premios a mozos ou mozas que amosaban o seu orgullo por seren un elo máis da cadea de producción do viño na súa terra, nalgún casos, segundo eles mesmos dixeron, en terceira ou cuarta xeración.

É certo que, como como recitou o presidente do Consello Regulador, Juan Casares, no seu profesional, emotivo, coherente e galeguista discurso, a terra precisa de xente. Xente que crea nela mesma e nas súas propias realidades inmediatas. Xente, en fin, que, coma a maioría dos colleiteiros premiados, sen deixaren de mirar cara atrás para saberen onde está o punto do alicerce, amosan azos e afouteza suficiente para ollaren sen complexos cara o horizonte onde se atopa o futuro.

Aínda sen poder probar -pola presa- un só grolo de viño, saín de alí con doce sabor a froita fresca de treixadura mesturada cun regusto necesario no padal lixeiramente acedo de caíño. E, denantes de marchar, aínda tiven tempo de ser saudado por Pablo Lorenzo, que forma parte do valente sector I+D+i da producción vinícola ribeireña e leva unha década tratando de ir un paso máis alá, ata ter convertido nunha non menos saborosa realidade o seu “Albarro”, un vinagre aromatizado do Ribeiro para o cal seguro que algún día tamén haberá que crear –digo eu- algún premio.

Te puede interesar