Opinión

Agardando por unha desbrozadora

Empezo a escribir mentres agardo a que unha desbrozadora pola que levo semanas esperando, se achegue por onda a miña casa para limpar unha pequena finca dun familiar cuxas silvas comezan a asomar por debaixo da miña cama.

Empezo a escribir, de todos modos, resignado a que desta volta tampouco virá, como me prometeu esoutro día o tractorista, porque seguramente calquera outro desesperado propietario doutro predio lle fixo ver máis urxencia no encargo.

E mentres espero, leo no xornal que, nantronte, o "Foro Económico de Galicia" levou a cabo unha reunión nunha casa de turismo rural do Ribeiro, onde analizaron as posibilidades de futuro do medio rural, propoñendo unhas cantas receitas a aplicar para mudar o decadente modelo actual por outro que nos devolva á vida ós que moramos, fundamentalmente, nas provincias de Lugo e Ourense.

Loxicamente, encoméndome á fonte orixinal e na propia web do Foro teño oportunidade de ler media ducia de propostas -cada cal máis cabal e coherente- que -recollo literalmente-, "para evitar o declive do rural galego baséanse en tres enfoques: os habitantes, as terras e as demandas actuais da sociedade".

Velaí o seu enunciado:

Unha medida lexislativa que permita resolver o uso das terras entre propietarios de terras, residentes no rural e non residentes (empresas). Reorientar o modelo produtivo das explotacións agrarias. Desenvolver industrias agroalimentarias, a través de políticas públicas máis selectivas. Introducir apoio económico á explotación forestal. Promover unha diversificación produtiva e apoiar aos novos emprendimentos no medio rural. E finalmente, crear unha rede de infraestruturas de usos múltiples.

Si, xa sei que así, metidas nunha cápsula literal tan ínfima, non amosan a súa verdadeira dimensión correctora, por máis que, de seren aplicadas axeitadamente coordinadas e con medidas enérxicas, axudarían, cando menos, a frear o declive.

Pero claro, logo ó ir ó "google" e teclear "medidas para revitalizar el medio rural", vexo que me aparecen 149.000 entradas, cada unha coa súa fórmula máxica: "50 medidas para luchar contra la despoblación rural...", "el Senado aprueba nuevas medidas para luchar contra despoblación...", "mejorar el medio rural para conservar la naturaleza...". E así, ata o infinito.

Entón chego a unha conclusión tráxica: Cando realmente decidamos comezar a aplicar medidas correctoras para o medio rural, imos ter que empezar por organizar un macroforo para recompilar e despois peneirar as conclusións de tódolos estudos que se teñen feito para salvar o medio rural! Que cansino!

Por certo, a desbrozadora non chegou. Terá que ser outro día...

Te puede interesar