Opinión

Un alcalde-pai

Hai uns días, o recentemente elixido alcalde da Coruña foi protagonista dunha anécdota publico-privada, logo -coma sempre- amplamente comentada nas redes sociais.

Estaba o estreado alcalde coruñés no seu fogar, ofrecéndolle unha entrevista matinal a unha locutora dunha emisora desas que chaman "nacional", cando de súpeto o balbordo dun neno saltou ás ondas hertzianas e tódolos oíntes puideron escoitar os saloucos inconformistas da crianza á que seica non lle gustaba o leite que lle estaban a dar.

O neno en cuestión era, seica, un dos fillos do alcalde-pai e perante a disxuntiva comunicativa á que se tivo que enfrontar, a locutora propúxolle continuar noutro momento a conversa, pois o que naquel intre tocaba era exercer de pai e deixar nun segundo lugar a súa faceta pública.

O "conflicto" paterno-filial non chegou, afortunadamente, ó río e, polo que lin despois, a entrevista puido rematar sen máis interrupcións domésticas.

A anécdota, que non pasou de ser unha simple e simpática anécdota, logo foi interpretada por algúns mesmo coma a toma do Flandes familiar por parte dos políticos que non son "casta" e quixeron ver, nilo, que a democracia das mareas non só acababa de tomar as casas consistoriais, senón que, tal como profetizara o seu líder mediático, tamén empezaba a asaltar os ceos do ámbito doméstico.

Pero a anécdota -repito, simpática-, ademais desa póla tenra, tivo outra que non foi destacada por ninguén -polo menos, que eu saiba- e que a min si me interesa. E coido que tamén lle debería interesar á Real Academia Galega, con pazo a poucos centos de metros da Casa do Concello que agora rexe este alcalde-pai.

Se vostede tivo ocasión de escoitar o "podcast" -que así lles chaman ós cortes de voz radiofónicos que son colgados na rede- estou seguro de que, cando oíu choromicar e falar ó mesmo tempo ó neno, decatouse de que o idioma que utilizou o rapaz foi un moi correcto castelán. E, se ben iso pasa por ser normal e así está estudado polos lingüistas, dado que o entorno escolar na Coruña é esencialmente falante en castelán, non me parece a min tan normal no caso propio dun pai que dis que vai traballar para facer da Coruña unha cidade solidaria, liberal, democrática e galeguista.

E digo isto (dando por suposto que cada quen pode falarlles ós seus fillos no idioma que lle pete e non vou ser eu quen os critique) porque, tal e como teño indicado aquí ben máis dunha e de dúas veces, ese -o da dobre moral e non o das leis- é o grave cancro que padece o galego dende tempo case inmemorial. Pois, denantes de ir ás institucións a predicar, primeiro un debería comezar dando trigo -é dicir, regaleguizando- no seu propio ámbito familiar.

Te puede interesar