Opinión

O año e os raposos

Logo da xornada vivida -e mollada- na Horta da Palabra (que así lle chamou Luís González Tosar) da Casa dos Poetas (que así lle chamamos nós ó casal dos Curros Enríquez dende que fomos quen de transformala en patrimonio de Galicia) e de sentir un profundo arrepío sensitivo nos acordes cadenciosos do grupo Zoar Ensemble, nas palabras bravús e afectuosas de Xurxo Souto cara Manolo Rivas e das reflexións profundas e sinceras do propio Rivas sobre o momento dificultoso que nós vivimos e canda nós a lingua, hoxe loxicamente botei man da prensa de papel e tamén da outra, co fin de ver en qué grao de amplitude foran trasladadas as emocións alí sentidas ó conxunto dos galegos.

Como era de agardar e en lóxica versión resumida, os medios termaron do facho aceso co que o escritor quixo alumear "a situación de emerxencia, de liña vermella" que está a atravesar a nosa lingua e para que a mensaxe sexa completa, permítame, benquerido lector, que inclúa a peza toda, porque supón unha visión pola que incriblemente moi pouca xente apostou ata o de agora e pola que algúns levamos anos berrando a berro seco na escura cova do tempo. Velaí:

Pediu, Manolo Rivas, "rescatar a lingua de pleno dereito, que non sexa unha materia residual, un refugallo, aínda que retoricamente a honremos moitos".

"E temos que facelo -dixo- entre todos, dereita e esquerda, revolucionarios e conservadores, nacionalistas e non nacionalistas, e construír entre todos para a lingua un hábitat, un viveiro, un espazo de simpatía".

E así, ergueu a man para facer de "brindeiro, neste lugar (a Casa dos Poetas) que é tamén un espazo de simpatía, neste lugar que é un viveiro, un almeiro; brindar, pois, para non lle ter medo, nin ó por do sol, nin ó abrente; brindar por un espazo de liberdade e de biodiversidade e por unha marea -do mar á terra e da terra ó mar- de solidaridade; brindar polo local universal, por onde o mundo se chama Celanova; brindar por un novo Rexurdimento".

Estas -e non outras- foron as palabras pronunciadas por Manolo Rivas (e que xa calquera pode escoitar na Rede) en Celanova, un lugar "que é hoxe, como tantos outros días -afirmou-, un espazo de emoción e memoria arredor de Curros e de Celso Emilio".

Logo chegou a Rede. Mellor dito, os ilustres acomplexados anónimos da Rede, e deixaron -para o enriquecemento intelectual da reflexión do escritor-, perlas coma esta: "O noso año arrodeado polos raposos. Coida as costas, meu rei".

O año e os raposos. Deus e o demo. O ben e o mal. O verán e o inverno. O branco e o negro. En fin... O día e a noite que nos afasta do abrente e do por do sol, onde Manolo Rivas debuxou con palabras de emoción os matices imperceptibles para quen só ten dous díxitos alí onde fabricamos a razón que nos asiste.

Te puede interesar