Opinión

As arrugas da Catedral

Sábado, primeira hora da tarde. Unha viaxe de Cabify familiar, levoume ó aeroporto de Labacolla ó medio día, polo que, unha vez deixei a "carga" na porta de embarque, con toda a tarde libre para min pensei na posibilidade de xogar a ver se me tocaba a lotería e pedín un boleto de cinco apostas para ese mesmo día.

O certo é que aínda non a comprobei, pero non me diga, benquerido lector, que non forma parte do ideal de todo xogador a posibilidade de que toque cando un anda por aí fóra e así poder cobrar o importe sen que se entere ninguén. Como digo, aínda non a mirei, así que aínda pode ser...

De todos modos, como son bastante descrido pensei en probar outra lotería máis accesible e collín camiño do praza do Obradoiro. O horario, nun principio era favorecedor. Pasaba pouco das tres da tarde e a gran maioría de turistas habían estaren gozando aínda do xantar por tabernas e restaurantes, polo que intuín que a cola para poder ver o Pórtico da Gloria podería ser humanamente asumible denantes de que volva pechar temporalmente as portas, pois dende hoxe, cando vostede lea isto, xa non se poderá acceder.

Acerqueime por alí e botei contas: 25 persoas por quenda, a 15 minutos por estadía, semellaba non resultar atolondrado poñerse a agardar. Sen embargo, os 34 graos que caían a chumbo sobre o pavimento compostelán, xunto coa perfecta orientación cara o solpor que ten a fachada da catedral e a ausencia dunha mínima protección solar para a miña cabeza aconselláronme abortar a misión, non fora ser que o pórtico me petara nos miolos denantes mesmo de o visitar.

Procurei unha sombra na praza da Quintana e agardei a que se me esparexera o sopor denantes de coller o coche, xa que logo, autovía, calor e dixestión é un caldo de cultivo pouco aconsellable para meterse a facer máis dun cento de quilómetros só.

Pasei o tempo, logo entón, reparando nese buraco negro no que se converte a cidade compostelá -e fundamentalmente a propia catedral- para o turismo cultural galego. Un buraco negro que o que fai é atrapar coa súa potentísima forza gravitatoria a todo canto turista chega a Galicia, sen que as cabezas pensantes do turismo -institucional e non institucional- da nosa terra teñan sido capaces de dar coa fórmula que axude a repartir ese impoñente fluxo de visitas por outros lugares non menos atractivos da Galicia patrimonial e natural.

Cando volvía ó estacionamento pregunteilles ós turistas que estaban a piques de entrar, canto tempo levaban na cola. Dúas horas, dixéronme con cara de resignación e de alivio por poder entrar xa.

Seguín camiño, non sen denantes volver reparar nas agullas da catedral, pensando en que, lavarlle as pedras desa maneira ó edificio ven a ser algo así como facerlle un “lifting” -e dicir, borrarlle- as arrugas a un ancián.

De todos modos -nunca mellor dito- doutores ten a catedral…

Te puede interesar