Opinión

Benquerido Don Manuel

Eran momentos próximos ó mediodía. Eu saía da Praza Maior cara a que nós chamamos rúa do Paseo, por máis que hai ben pasado un século uns nosos devanceiros decidiran poñerlle rúa de Emilia Pardo Bazán, para grande enfado dos moitísimos máis currosianos que había daquela en Celanova e que tiveron que agardar a que o poeta falecera para ver como unha rúa levaba tamén o seu nome.

Saía, simplemente a tomar un café de media mañá, cando vin un coche branco con todo o seu lateral esquerdo montado sobre unha maceta floral das que adornan dende hai anos a devandita rúa co fin de facer compatible e convivible o acceso de vehículos co acceso peatonal e o seu redor unha manchea de viandantes -a grande maioría veciños meus- que se achegaban ó punto neurálxico para saber que acontecía con aquel posicionamento antinatural dun coche coma se o erguesen dun lado para cambiarlle as rodas e decateime de que no interior estaba vostede.

Acerqueime un pouco máis e chameino polo seu nome -Don Manuel...!-, tratando de interesarme de contado polo seu estado de saúde, porque o incidente -o suceso non chegara sequera á categoría de accidente- non adiviñaba nada grave, pero non me contestou.

Loxicamente, a prudencia e a obriga de deixar facer a quen debe actuar nestes casos, é dicir, a policía local e máis o persoal sanitario, aconselláronme retirarme para un lado, por máis que como única resposta lograra o seu silencio e unha mirada perdida que non me anunciaba nada bo.
Non pasaran aínda vinte e catro horas cando un amigo me chamou por teléfono e me informou da mala nova da súa partida para ese lugar de ningures cara onde vostede acompañou ó longo da súa lonxeva vida a tantos e tantos feligreses cos que conviviu e ós que atendeu e mesmo asesorou.

Por causas mundanas que non veñen a conto, non tiven vagar de acompañalo nese tránsito silandeiro que o trasladou ó silencio definitivo, so vencido no tempo pola memoria que uns e outros sexamos quen de manter respecto de quen vostede foi e o que para moitos -estou ben seguro- significou.
Din que unha persoa non se vai de todo en canto permaneza na memoria dos seus, ou en canto non se borren aquelas obras que ó longo da vida, esa persoa colleitou. Por iso creo que vostede non só aínda non marchou, senón que estou seguro de que tardará en irse de todo, porque sei que ó longo da súa traxectoria vital loitou o indicible por causas polas que creu firmemente e con decisión. Causas que tardarán en diluírse no tempo, por máis que arestora haxa moitos que se pregunten que vai ser dese proxecto vital ó que tantas e tantas horas, tantos e tantos esforzos, e tantos e tantos cartos lle dedicou e que non foi outro có santuario da Virxe da Armada. Que a terra lle sexa leve, benquerido don Manuel. Para min estará sempre entre os bos e xenerosos, xente da miña admiración.

Te puede interesar