Opinión

Bestia Parda

Podería vir a conto, este titular, ó fío da xornada conmemorativa que tivo lugar hoxe (onte para vostede) en todo o mundo, co gallo do día internacional da muller, porque tal expresión -esputada por calquera home- ten a carga suficiente de xenreira e a capacidade potencial de ferir a un por dentro, como para formar parte dos primeiros lugares dun noxento decálogo de insultos machistas.

Podería... Pero, non. Unha simple coincidencia con outra noticia de actualidade, xunguida á casualidade de que hai tan só uns días que o exhorto volveu á miña memoria, ó dar coa carpeta virtual onde o tiña arquivado cando andaba á procura doutra información antiga, venme perfectamente acaída para reflexionar arredor do debate aberto pola denuncia de acoso que fixo a Asociación da Prensa Madrileña, saíndo así a defender a uns xornalistas que se teñen sentido intimidados por militantes ou simpatizantes -xa vostede sabe- dun partido político.

Pero, mellor, cóntolle primeiro a "anécdota" (porque niso foi no que afortunadamente quedou o asunto) e logo reflexionamos o que faga falta.

O asunto, como dixen, ven de vello. Concretamente de hai xa 9 anos. Non era xa daquela, nin o son agora, moi amigo de andar esculcando pola rede qué poden dicir de min -ou destas columnas- uns cantos seres sen cachola -é dicir, anónimos-. Sen embargo, unha alerta dun familiar levoume a ler o que, ó fío dunha información sobre unha iniciativa cultural na que falaban de min e dalgúns meus amigos, protagonistas tamén da mesma, alguén co alias impropio de "rosendiano" tomou a molestia de ir ós comentarios e escribir, literalmente, sen comas nin outros signos: "Piñeiro vete de Celanova!!!!!!! bestia parda!!!!!"

As comas -igual cá parlamentaria de Santiago- non debían existiren no seu teclado. Sen embargo, os signos de admiración eran ben máis abondosos cós aquí inseridos. Supoño que, pensando que así podía axudar a me afastar de Celanova.

A continuación (deste xa teño escrito), outro -ou o mesmo, quen sabe?- baixo o alias de "arnaldo" e utilizando tamén un teclado coas comas avariadas, debeuse sentir solidario co seu colega "rosendiano" e escribiu -neste caso en galego-: "piñeiro mira debaixo do coche antes de subir nel que igual".

Con certa frecuencia teño pensado cántas veces me terei cruzado con eles -ou con el- polas rúas desa vila da que me quixeran ver fóra por non escribir ou non traballar ó seu mandado. Se cadra, incluso me dan os bos días ou me saúdan con cara de non teren fendido nunca un prato...
Que lle imos facer! Escribo para os xornalistas madrileños. Son as consecuencias –non desexadas, pero inexorables, ó mesmo tempo- de andar a peito descuberto por riba do escenario.

Te puede interesar