Opinión

O botón do reseteo

Non é que eu sexa moi dado á utilización de anglicismos, porque creo que os dous idiomas nos que nos desenvolvemos contan con suficiente riqueza lingüística como para non ter que andar botando man de falas esóxenas para atopar vocablos que definan determinadas cousas, accións ou estados de ánimo.


Hoxe, sen embargo, voume permitir unha excepción (a xornada histórica que estamos a vivir mentres escribo, ben o merece) e utilizar a palabra "reseteo", que non deixa de ser un anglicismo xa hispanizado e que resume con diáfana claridade o que ó meu ver está pasando nestes mesmos intres.


Se vostede é dos que fedellan cada día no ordenador, estou seguro de que o termo halle resultar tan familiar como a calquera labrego lle resulta sacho, poda ou seitura. Se aínda non é desa caste de xente que vivimos permanentemente colonizados polo andazo da informática, explícollo de contado.


Resulta que a medida que vai usando o seu computador, por máis coidado que poña no tipo de programas que instala e na fiabilidade da información que descarga, resulta inexorable que pouco a pouco o trebello se lle vaia contaminando con multitude de arquivos que acaban por ralentizar o aparato e en ocasións paralizalo completamente.


Para poñerlle unha solución rápida a isto, os propios aparatos traen instalado un botonciño que ó premer nel fai que o ordenador se apague e faga unha limpeza completa da memoria virtual e dos arquivos que pexaban a súa axilidade e vostede poida continuar co traballo sen máis problemas.


Pois ben, aínda que lle pareza incrible -ou, cando menos, especialmente rebuscado-, eu  foi no que pensei cando escoitei o asunto da abdicación do Rei e a inminente apertura do seu proceso sucesorio.


E é que este país está pedindo a berros -igual có meu ordenador- un completo reseteo. É dicir, unha profunda limpeza de tódolos vicios sociais e políticos colectivos que se teñen ido acumulando ó longo destes 39 anos no seu disco duro e que teñen ido facendo cada vez máis imperfecta esta democracia parlamentaria que nos temos concedido.


Por fortuna, por máis que os agoreiros digan que si, eu creo que este país non precisa que cambiemos o ordenador (entendendo por tal o sistema de convivencia que definimos), porque ó fin e ó cabo ten sido o que nos ten dotado da etapa máis lucida e máis propicia da nosa historia.


Agora ben, o que si precisa, sen ningunha dúbida, é unha posta a cero real e un completo reinicio de tódalas estructuras. E, polo tanto, non había mellor forma de empezar ca reseteando a propia Monarquía. E se trala Monarquía vai o resto (partidos políticos, sindicatos, etc., etc.), entón poderemos empezar a pensar que agora isto si que vai en serio.                                        
                                    

Te puede interesar