Opinión

Braga, feliz

Comparto unha entrada na rede, do meu amigo e conveciño destas terras do sur de Ourense, Manuel Rivero, na que se fai eco dunha información publicada polo xornal "O Público" de Portugal, que afirma literalmente que "Braga é a cidade mais feliz de Portugal e a terceira da Europa".

Loxicamente, denantes de compartila doulle unha lectura, da cal extraio fundamentalmente datos aritméticos e comparativos, porque a información céntrase máis na numeroloxía comparativa entre as distintas cidades, ca na explicación das variables utilizadas para sacar esas conclusións.

Vexo, por exemplo, que son datos elaborados por un Eurobarómetro que estuda a calidade de vida das cidades europeas e leo que có 97% dos bracarenses aseguran viviren felices na súa cidade. Un dato porcentual só superado por Oslo e Zurich, situados ex-aequo no primeiro lugar cun 99% de cidadáns contentos co lugar no que viven, mentres que no segundo lugar sinalan as cidades de Aalborg (Dinamarca), Vilnius (Lituania) e Belfast (Reino Unido), cun 98% de cidadáns orgullosos de residiren nelas tres.

No outro extremo, é dicir, nos postos con menos querencia pola cidade na que residen atópanse Estambul Atenas e Palermo, que non sei por qué, non me sorprenden moito.

En fin. Que leo estes datos comparativos e, sen coñecer -como escribín denantes- as distintas variables analizadas polos enquisadores para chegar a onde chegaron, pregúntome dun xeito retórico se unha cidade pode ser feliz.

Eu non sei o que pensará vostede, pero eu, sinceramente, independentemente da dimensión da localidade, creo que unha aldea, unha parroquia, un municipio, unha cidade, unha provincia, unha comunidade ou mesmo un país poden seren felices ou infelices, consciente de antemán de que sempre pode haber no camiño quen se vexa incluído no paquete e non se vexa representado na conclusión.

É dicir, con tódalas salvedades posibles e tódalas precaucións, a min paréceme que se se analizan axeitadamente determinados factores de urbanidade é posible chegar á conclusión de se as xentes dunha cidade viven felices nela, ou non, entendendo que vivirán felices aquelas que se senten orgullosas da mesma, que están contentas e cómodas coas condicións de confortabilidade individual e colectiva que estas albergan, co nivel de servizos públicos que ofrecen, etc. E é máis, estou seguro de que no caso de Braga, o eurobarómetro non minte, porque a evolución urbana que ten experimentado a capital bracarense nos últimos anos é simplemente espectacular, o que por osmose me leva a unha pregunta final: Cre vostede que Ourense é unha cidade feliz?

Tome o tempo que desexe para non errar.

Te puede interesar