Opinión

Cabify rural

Contemplando o continuo ir e vir deses vehículos de tosco deseño, pero tan apegados á imaxe urbana de Londres coma, polo menos, as súas cabinas telefónicas, o Big Ben ou a ponte colgante sobre o Támesis, xurdiume unha cuestión na que nunca reparara, por mais que leve convivindo toda a vida coa miña cotidianidade, pero sen cuxa resolución somos capaces de vivir cando se nos acende a lampariña da pregunta que xamais se nos ocorrera formular.

Pasaba un deles diante  nosa, co seu paseniño vagar pola rúa, cando lle preguntei ó meu acompañante se se preguntara algunha vez de onde procede a palabra "taxi" e se tiña algunha resposta coherente a por que se globalizara de tal xeito que non hai idioma que non a teña adoptada como propia para definir esa sorte de servizo de transporte público urbano que existe en calquera localidade -pequena ou grande- do mundo mundial.

Profesor universitario, cosmopolita e amplamente viaxado, el, contestoume que ó seu entender tiña orixe na raíz grega "taxis", que seica significa algo así como "taxa", admitindo descoñecer a razón de ser da súa globalización, aínda que asumindo por lóxica deductiva que ese feito sería semellante á internacionalización doutros conceptos ou símbolos ligados ó tráfico, ós sistemas de medidas, etc.

Sexa como for, teño lembrado tal conversa polas rúas londinenses nestes días de balbordo e de conflicto de intereses nos que os taxis -mellor dito, os taxistas- teñen sido protagonistas, nalgúns casos nada positivos, por ser suaves na cualificación, da actualidade informativa española.

Identificado o concepto tradicional, ocórreseme a min, agora, preguntarme, non só que significa "cabify", senón tamén se a xente -o sector do taxi sei que si- é consciente de que ese cruce de intereses hai xa tempo que se dá no medio rural, onde o transporte público brilla pola súa ausencia na grande maioría dos lugares e o acto aparentemente cotián de acodir á vila ó médico ou á farmacia, a cobrar a paga mensual ou a mercar os productos de consumo habituais, convértense nunha verdadeira odisea para aquelas persoas que carecen de vehículo propio e non teñen familiares nas inmediacións que lles poidan facer o servizo necesario.

Que como solucionan o problema? Pois, como sempre se solucionou, botando man da cadea de favores -unhas veces pagados e outras non- e, en consecuencia, pedíndolle por favor ó veciño da casa do lado que o leve á vila a cambio dun pequeno pago para compartir a gasolina.

E se, ese propietario do coche, no canto de levar a un veciño só, resulta que acaba trasladando habitualmente a todos cantos lle caben no coche? Velaí en que liña tan fina remata –para algúns- o favor e comeza a competencia desleal cos taxistas, mentres para outros radica a solución a un problema de comunicación cuxa resolución, mal que lle pese, non está en ningún outro sitio ca nos despachos da administración.

Te puede interesar