Opinión

Unha casa é para sempre

Leo que, coa chegada de 2016, dous dos escritores contemporáneos máis internacionalmente recoñecidos da literatura española acaban de deixar de xerar dereitos de autor, en virtude da superación dos prazos que outorga a lexislación reguladora da propiedade intelectual, que no caso español varía entre os 70 e os 80 anos, dependendo de que a lexislación aplicable sexa a histórica ou a que foi aprobada xa no marco da etapa democrática actual.

Son, os dous autores, nada máis e nada menos ca Federico García Lorca e Ramón María del Valle Inclán. E sono porque neste ano que estreamos cúmprense 80 anos do seu falecemento. En resumo e como limiar, resulta que os dereitos de autor dos creadores falecidos no ano 1936 pasarán a seren de dominio público a medida que se vaia cumprindo o seu oitenta cabodano, polo que non fai falla ser moi sagaz para decatarse de que, aínda que non do nivel de importancia destes dous, van ser un bo feixe deles os que pouco a pouco vaian perdendo tal condición e a sociedade gañando a súa herdanza.

E velaí onde eu quería chegar, porque certamente indo ó campo da lóxica, son varias as reflexións que me suscita a lexislación sobre os dereitos de autor, redactada teoricamente, como o seu propio nome indica, para protexer os dereitos dos creadores e polo tanto, dos que por transmisión patrimonial deberían ter tamén os seus herdeiros.

Sei, porque coñezo ós xestores dalgunhas fundacións de creadores que aínda cobran dereitos de autor, das grandes dificultades que algunhas teñen cos familiares ou descendentes destes autores, en moitos casos -probablemente a grande maioría deles- garantes en primeira liña da memoria dos seus devanceiros, e tan só interesados nos rendementos económicos que as súas obras propician, noutros.

Pero, alén destas singularidades ou casuísticas, o certo é que sempre me chamou a atención o feito de que cando un escritor, un músico ou un pintor -poñamos por caso- lles deixan a súa obra en herdanza ós seus familiares, ó pasar oitenta anos -setenta, no futuro- os seus herdeiros perdan a propiedade desa obra e, sen embargo, se quen fai o legado é un empresario que reparte entre os seus a súa empresa, ou simplemente o mesmo creador o que reparte son as súas propiedades entre os seus, nin a empresa, nin as propiedades perdan nunca o seu carácter privado. Dito doutro xeito, por qué un legado inmaterial como é unha obra intelectual do tipo dunha novela ou un poemario, ten un límite temporal e, pola contra, un legado material -como é unha casa- pasa a ser propiedade dos herdeiros para sempre?

Supoño que algunha razón haberá e mesmo estará apoiada en innumerables debates. Pero eu, sinceramente, non o entendo.

Te puede interesar