Opinión

En centímetros

Leo dende a distancia o debate suscitado esta semana respecto da instalación dun ascensor na Praza de Abastos de Ourense e sen entrar en profundidades analíticas que evidentemente -dende a distancia- non debo permitirme, facéndolle caso ós medios que coma este se fixeron eco da singular nova, conclúo en que as diferencias existentes entre uns praceiros e outros estaba na derivación "duns centímetros" da colocación do devandito elevador.

Días despois, no xornal de hoxe mesmo (onte para vostede, benquerido lector), leo -e vexo tamén- as desastrosas condicións nas que, logo de catro anos de abandono, se atopa o edificio que ó longo de máis de medio século acolleu o hospital psiquiátrico de Toén, comesto polas silveiras e polo silencio, sen que ninguén lle dea atopado unha solución de futuro.

Leo ámbalas dúas informacións e aínda a risco de coller a parte polo todo -e, polo tanto, ser víctima dun erro de conxunto-, como tantas outras veces me ten acontecido caio na tentación de preguntarme, unha vez máis, que é o que nos pasa ós ourensáns de Ourense (os que residen fóra desfanse de contado desta eiva no treito que dura a viaxe de ida para outras terras) para non vermos máis alá do que nos dan os pasos e acabarmos de cote embeleñados no debate das pequenas cousas sen decatármonos de que a miúdo é preferible mollar os pés para cruzar o río ca permanecer coma unha estaca a carón da orela ollando cómo se move o mundo pola outra beira.

Xa dixen que descoñezo os pormenores do replanteo da obra do ascensor na praza de abastos e polo tanto descoñezo quen ten a razón no rebumbio. Agora ben, o mesmo non pode ser -nunca mellor dito- de moito calado como para chegar a paralizar a obra e mobilizar a tódolos medios de comunicación de Ourense.

Descoñezo tamén qué proxecto concreto procuran os comuneiros de Moreiras e Trelle para o antigo psiquiátrico e qué penedo foi o que non deron choutado para non daren chegado a un acordo cando Aspanas quixo levar para esas instalacións o seu proxecto.

Descoñezo os pormenores, pero como se pode intuír, ámbolos dous responden a unha máxima que se repite cansinamente cada vez que nun solar, nun monte, nun edificio ou en calquera outro lugar da nosa provincia alguén chega a el coa idea de levar a cabo un proxecto máis ou menos de futuro.

"Mamaíña, que nos deixen como estamos, non vaia ser que nos traian o demo á porta da casa", veñen a soster con frecuencia asociacións veciñais, plataformas cidadás e outra sorte de colectivos. E é que os ourensáns de aquí debemos ter un xen que nos fai medir a nosa visión de futuro en centímetros. E así nos vai... Nun xeito de permanente inanición, mentres outros lugares camiñan cara o futuro con decisión, malia que de cando en vez tropecen nalgunha pedra.

Te puede interesar