Por fin! Porque xa pasaron as eleccións municipais, senón censábame no Barco de Valdeorras para podelo votar.
Mira que levo tempo desexando ver políticos que falen clariño, coma clariña é a auga da montaña, e "eureka!", resulta que a frescura nas palabras ten que chegar, coma o sol, polo abrente
"Chapeau!!!" "Chapeau", señor alcalde do Barco por encher dúas páxinas do xornal do pasado domingo con tantas verdades coma puños en todas e cada unha das contestacións que lle ofreceu ó xornalista.
Que os concellos (non só de Ourense, senón do resto de Galicia e do conxunto de España) teñen que procurar unha implosión, un "15M" ou unha "marea municipal" é unha evidencia que despois de 40 anos de transición, nalgún momento lles terá que chegar.
E senón todos, cando menos os pequenos Municipios -poñamos por caso, os de menos de 50 mil habitantes-, porque os outros son gobernos mastodónticos, algúns máis grandes, incluso, ca varais comunidades autónomas, e as súas fórmulas de xestión nada teñen que ver coas que rexen o día a día do concello do Barco, do de Vilagarcía de Arousa, do de Monforte de Lemos ou do de onde eu vivo, que é o máis pequeno dos catro.
Algún día terá que chegar esa eclosión municipal que lle poña o punto sobre as "ies" á Administración central e mesmo á Autonómica, co fin de que se reorganice de vez a distribución orzamentaria estatal e a cada quen lle toque o que lle corresponda para frear de súpeto ese papel residual de esmoleiros ós que o actual sistema de organización administrativa e tributaria ten condenado ás alcaldías dende tempos inmemoriais.
Por iso que, ler afirmacións coma a que recolleu en titular o entrevistador, do tipo de "el incremento de la burocracia está llevando la parálisis a la administración", ou "no queremos quitar competencias ni servicios, lo que queremos es que no haya duplicidades y tener financiación...", incluso, "cada vez tenemos menos personal y cada vez la burocracia -la llamo la burrocracia- está peor" e aínda máis, "la ley de contratos es absurda, no hay nadie satisfecho, salvo algún funcionario en las grandes instancias, con muchos masters y un PC, en donde si funciona todo" (realmente debería reproducir toda a entrevista), reconfórtate coa política local e de aí os meus parabéns ó alcalde do Barco, porque como tamén di el ó final, "los municipalistas debemos seguir trabajando porque tenemos muchas posibilidades de ser la solución al problema".
Imaxina, benquerido lector, que un día os oito mil e pico alcaldes e alcaldesas españoles decidan pechar as portas das súas casas consistoriais?
Eu non quero dar ideas, pero…