Opinión

Un chisquiño máis alá

Inicio a lectura do xornal de hoxe -onte, para vostede-, deténdome na fotografía que o incansable Marcos Atrio tirou o domingo na Festa do Pemento de Oímbra e que ilustra, nunca mellor dito, dun xeito ben gráfico tan verde e saborosa -para quen lle gusten os pementos- celebración.

Tan inocua fotografía, ademais de sorprenderme para ben pola boa disposición da parella que sae nela e que estou seguro de que hoxe foi obxecto de chamadas e rechamadas no seu entorno social polo "día de groria" do que foron protagonistas, non sei por qué, pero levoume a min a facer unha reflexión que ata o de agora non tiña feito e que paso de contado a compartir con vostede, benquerido lector.

Tal como aconteceu nantronte co pemento en Oímbra, ó longo destes abrasadores días de agosto as páxinas deste xornal veñen dando cumprida conta dunha manchea de festas gastronómicas máis ou menos asentadas por aquí e por acolá, e mais ou menos multitudinarias, nas que se exalta este ou aquel producto e as xentes do lugar, algúns convidados de fóra e algúns políticos da corda do alcalde ou da alcaldesa comparten de forma -tamén máis ou menos multitudinaria- un xantar con tal producto de protagonista.

Velaí, relatadas así de memoria e celebradas xa ou por celebrar, a propia do pemento de Oímbra, a súa homónima de Arnoia, o galo pica no chan en Muíños, os callos limiaos en Lobios, a cachena de Quintela de Leirado, a anguía en Castrelo de Miño, o peixe en Bande, o pulpo no Carballiño e unhas cantas máis.

Pois ben, salvando raras excepcións, coma o pulpo no Carballiño, o pan de Cea ou o viño de calquera das catro denominacións, a grande maioría delas contan cunha curiosa singularidade que as identifica e que nestes tempos de devalo demográfico nos que vivimos e de falta de actividade económica no medio rural, deberíanos levar a unha profunda reflexión. E non só a min, senón a todos. Isto é, que na grande maioría dos casos, mesmo para celebraren o xantar que ten lugar con motivo da festa e darlle de comer a todos os que se apunta, vense na obriga de mercar o producto ou, no mellor dos casos, colleitan o producto exclusivamente para a festa porque non hai unha actividade económica asentada que sexa quen de fornecer a abondosa demanda que a propia festa esixe.

Si, xa sei que estes son días de troula e que non hai que poñerse transcendentes porque agora do que se trata é de aproveitar o sol de verán que a climatoloxía nos regala para divertírmonos, que tempo é o que sobrará no inverno para esmorecermos e cavilar.

Pero iso non quita que os que teñen a obriga de pensar na organización das festas non poidan iren un chisquiño máis alá e matinaren de qué xeito unha simple festa gastronómica se pode converter nunha actividade económica que asente xente no rural.

Te puede interesar